Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “nadal”

Bo Nadal e Feliz Aninovo

Este é o último texto que publicarei no blog no 2015. Xa desde o título é unha felicitación das Festas do final do ano. Hai un amigo que sempre manda recado co título Feliz Saturnalia! en alusión a que a festa do Nadal e do final do ano é herdeira, cultural e antropoloxicamente falando, dos ritos pagáns, tanto das culturas latinas coma xermánicas ou célticas, do solsticio de inverno.

Pero volvamos ao presente. En galego as festas dos vindeiros días teñen o seu vocabulario específico. A palabra máis importante é Nadal. É unha palabra de orixe latina (natal) que se recolle así desde a Idade Media. Tan galega é a versión Natal, tamén recollida no medievo, viva no portugués e presente entre moitos galegofalantes. Iso si, está apartada do galego estándar pola Academia. Na miña casa, na que por desgraza xa meus pais falan sempre de Navidad, recordan que en tempos si se referían a estas datas como o Natal, xa non só para definir o período ao redor do 25 de decembro senón para definir todo o mes de decembro. Velaí o refrán: “Entre Santos e Natal ben chover, mellor nevar”. É dicir, entre novembro e decembro.

A véspera do Nadal é a Noiteboa. Aínda hai quen lle chama a Noite do Nacemento, en contraposición ao Día do Nacemento, que é o 25. Era tradición, ao acabar a cea, cantar panxoliñas ou vilancicos. Na mesa, segundo foi a época, a zona e a clase social, houbo unhas comidas ou outras. Unha das tradicións quizais máis esquecidas eran as sobremesas. En cada casa brillaban unhas diferentes. A miña avoa Carme sempre facía torradas: unhas molladas en leite e outras en viño e azucre. Hai pouco vin na carta dun restaurante especializado en brunchs que vendían as torradas da miña avoa como torradas francesas, bañadas nese veleno para as arterias que os norteamericanos chaman xarope (mellor que sirope) de arce.

Unha semana despois do Natal é tempo de Fin de Ano. O día 1 de xaneiro era moi festexado en Galicia porque é a data do San Manuel e Manuel é un dos nomes máis comúns na nosa historia recente. O Aninovo é concretamente esa xornada, polo que cando lle desexamos a calquera próspero Aninovo estamos a ser algo rañetas e conviña estender o bo desexo ao resto do ano: Feliz ano ou Feliz ano novo!

Aínda que arestora perdeu moita forza no calendario festivo galego, a noite de Reis era das máis festexadas antigamente. Era a festa dos nenos. Na sociedade galega onde os cativos traballaban coma adultos, esa noite quedaban libres de cargas e aínda mellor, tiñan licenza para iren casa por casa a cantaren os reis e pediren o aguinaldo. Se había sorte, a mañá do día 6 tiñan algún outro presente esperando máis ou menos colocado dentro da chinela, pantufla ou zapatilla de casa.

No galego non temos un adxectivo semellante a navideño polo que debemos substituílo pola forma “de Nadal”. Agasallos de Nadal (ou Natal).

Navegación de artigos