Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “nata”

Natillas

Como lle chamamos en galego a esa sobremesa que se fai batendo en quente ovos e leite con azucre? A palabra asentada por completo en Galicia é natillas, castelanismo obvio.

Daquela, en galego temos dúas opcións: a normativa recomenda o uso de crema de ovo. É unha solución á francesa, onde crema se utiliza tamén para definir a materia graxa do leite.

Esa analoxía séguea o lexicólogo Isaac Estraviz, que propón nata ou natas. Nas rexións do norte de Portugal úsase natas para definir máis ben o que nos definimos como crema pasteleira xa que o equivalente á sobremesa da que falamos é chamada en Portugal leite-creme.

Considero que ambas solucións son de difícil implantación. Palabras mortas antes de chegaren a crecer. Crema de ovo é teoricamente consistente pero é ambigua na práctica. Nata relaciónase coa tona do leite. Só natas podería tomar ese significado distinto que lle daría o plural.

Non son moi amigo de lexitimar castelanismos mais hai casos nos que cómpre facelo. Igual que admitimos bocadillo e tortilla, sen saír da terminación -illa e da linguaxe gastronómica, son partidario de aceptar este empréstimo para definir esta substanciosa e calórica sobremesa.

Navegación de artigos