Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “nectarinas”

Melocotóns e peladillos

Sempre recordarei unha saída da miña avoa Carme hai anos, cando eu era adolescente e decidira falar sempre en galego. Viña a muller cargada do coche da froita, que en Cequeliños pasaba cada venres ao serán. Pousou as bolsas transparentes na mesa da cociña e empezou a abrilas ofrecendo o que comprara: “Hai plátanos, hai mazás, hai peras, hai melocotóns…” Eu, que estudara no instituto que en galego os melocotóns eran pexegos, retruquei con insolencia: “Pexegos, avoa, pexegos”. “Non”, respondeume ela. “Pexegos son os que nacen aí na árbore da porta da casa. Isto son melocotóns”.

O caso é que en efecto melocotón é unha palabra admitida no VOLG (a definición que dá a Academia non aclara se consideran o melocotón unha froita distinta ao pexego pero si recolle dúas árbores distintas: melocotoeiro e pexegueiro). O caso é que todas as referencias botánicas que consultei falan dunha única especie arbórea: a prunus persica, que dá persicos, palabra latina que pasou ao galego como pexego.

Iso non significa nada porque a mesma árbore dá diferentes variedades do froito e o melocotón podería definir unha desas variedades pero a pregunta é: como diferencia a RAG un melocotón dun pexego? Para o lingüista Benigno Fernández Salgado melocotón é castelanismo e debe proscribirse. O portugués, que mantén no dicionario melocotão, na realidade xeneralizou o uso de pêssego, especialmente no que se vende en almibre en lata. Mais curiosamente, para o Dicionario da Academia Galega o que vén enlatado é melocotón (só hai que ver a frase de exemplo que acompaña a definición).

A miña opinión empata co que vos contaba da miña avoa Carme: melocotón é a froita que se compra; pexego a que se recolle. Igual que na nosa casa unha vasoira se fai con carqueixas e a escoba é a que ten cerdas plásticas. Para o rexistro moderno, formal, o galego prescinde das formas patrimoniais e acode ao castelán, que é a verdadeira lingua estándar para gran parte da poboación. Melocotón é un castelanismo e deberiamos xeneralizar o uso de pexego, tamén cando falemos dos que se conservan en caldo doce.

Curmán do pexego é a pavía. Estas semanas levo comido unha farta desta drupa carnosa cuxa principal diferenza cos pexegos é, alén do sabor, que non larga a carabuña. É por iso que a miña avoa Carme (si, hoxe falo moito dela que ben o merece) recomenda comelas axudados dunha navalliña, non coma os pexegos, que presta máis abrilos polo medio coas dúas mans e tirarlles o carozo antes de papalos.

Outras dúas froitas son variedades dese primixenio persico (o nome vén porque a árbore foi introducida en Europa polos persas): paraguaios e nectarinas.

Os paraguaios teñen un sabor e textura semellantes ao das pavías. É por iso que na miña casa sempre se coñeceron por ese nome aínda que a súa forma é diferente, achatada en troques de esférica. Do meu punto de vista, deberíaselles chamar pavías paraguaias.

As nectarinas son unha variedade máis moderna. Non teñen pelusa e a carne adoita ser branca. En Galicia nalgunhas zonas está máis estendido o nome de peladillos. O VOLG non recolle ningunha das dúas palabras. Como quere a Academia que lle chamemos a este froito? Haberá que esperar dez ou 20 anos para que se decida. Entrementres podemos tomar en conta a opinión do Dicionario Estraviz, que recolle a palabra nectarina como neoloxismo procedente do francés. En Portugal tamén se usa aínda que a min faime moita máis graza a denominación de pêssego-careca. Nectarina sería a forma recomendada, polo tanto, fronte ao castelán peladillo.

Neste inicio do outono aproveitade para desfrutar de pavías e pexegos, a ser posible da casa, que en pouco tempo deixarán de alegrarnos o padal coma doces epílogos do estío.

Navegación de artigos