Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “ofensa”

Ultraxe

Aínda que a palabra é correcta en portugués e aparece nalgúns dos nosos dicionarios históricos, coido que ultraxe é, na nosa lingua, un castrapismo tomado do castelán ultraje. E polo tanto, debémolo substituír por formas propias, que abondan.

Para falarmos da ofensa a unha persoa ou pobo con palabras e feitos, o galego conta con aldraxe. Aldraxe é a forma galega do francés antigo oltrage, da que outras linguas tomaron (máis recentemente a palabra ultraje).

Recordemos que aldraxe é palabra feminina e que o verbo derivado é aldraxar (así que ultraxar tamén se considera incorrecto). A palabra está viva na rúa e tamén na linguaxe xornalística e política. No período previo á aprobación do Estatuto de Autonomía do 1981, cando en Madrid o goberno central teimaba en negar a autonomía de primeiro rango para Galicia, fíxose famoso o berro “Contra a aldraxe”, que reuniu miles de persoas en diferentes mobilizacións a prol do autogoberno.
Outras palabras que podemos empregar para evitar ultraxe son agravio, ofensa, inxuria, vexación ou afronta. Como digo sempre, cada matiz semántico hai que adecualo á frase na que esteamos a empregar a palabra.

Navegación de artigos