Olivo
O mapa da penetración de palabras propias do castelán na fala galega viva é irregular en Galicia. Palabras nosas que gozan de boa saúde nalgunhas comarcas hai tempo que non se empregan noutras. Lugares nos que un determinado castelanismo soa estraño e pode incluso deixar quedar mal a quen o pronuncie son habituais noutras partes do país. Cando alguén di iso de que tal palabra “é inventada –ou é portuguesa– porque eu non a escoitei nunca” hai que recomendarlle que faga turismo interior porque seguro de que, na meirande parte dos casos, ha atopar xente que si use esa palabra.
Oliveira é unha desas palabras. Na comarca do Paradanta, de onde eu son, está vivísima. A ninguén lle escoitas dicir olivo sen que che renxa. Pois ben, cando fun vivir para a Limia, farteime de escoitar olivo e cando falaba de oliveira, a xente facía unha pausa de estrañeza e seguían chamándolle á árbore olivo.
En Vigo, cidade cuxo símbolo é esta árbore, moita xente utiliza olivo incluso falando en galego mais teño a sensación de que é máis por costume toponímico xa que a oliveira famosa, a que está situada no paseo de Afonso XII, é coñecida como O Olivo, como case todos os recantos urbanos –incluso Orillamar, malia o enorme esforzo do Concello por popularizar a forma propia Beiramar.
A oliveira é unha árbore que se dá moi ben en Galicia. Hai plantacións “comerciais” en zonas como o Larouco ou Valdeorras e nos arredores de Ourense varios produtores (o máis famoso deles é Abril) recuperaron a tradición de fabricar aceite do noso país. Porque en Galicia fabricouse aceite e bastante, se atendemos a pegada na toponimia. Hai moitos lugares nomeados con referencias a esta árbore ou ao seu froito: a oliva (aceituna é un castelanismo): A Oliva, Oival, Oliveira, Olveda, Olveiroa, Olveira. Na Idade Media, o aceite era, xunto co viño, imprescindible na liturxia relixiosa (era obrigado manter os santos alumados e o aceite era mellor combustible ca a cera), por iso os mosteiros fomentaron o cultivo de oliveiras e viñas.
Unha lenda historiográfica asevera que foi no século XVIII cando a coroa española prohibiu o cultivo de oliveiras en Galicia, seica que por favorecer a industria aceiteira andaluza. Un dos nosos grandes historiadores, Anselmo López Carreira, asegura que non atopou ningún documento que ampare esa teoría, polo que a razón do ocaso da plantación histórica de oliveiras segue a ser un misterio. Tomar aceite virxe de oliva madurado, recollido e espremido en Galicia hoxe pódese facer. Que vos preste!