Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “ouvir”

Ouvir

Un día, ao entrar a traballar pola tarde na redacción d’A Nosa Terra no local de Príncipe, 22, en Vigo, Fernando Carballa, que saía a fumar, paroume en seco. Para quen non o coñeza, Fernando Carballa, compañeiro meu durante máis dunha década, é unha das persoas máis cultas que coñezo amais de lucir elegante con sandalias e pantalón de liño frouxo. “Ouve, ouve”, dixo. “Esta fin de semana escoiteille a unha muller dicir ouvir”. Entusiasmábase. “Para que logo digan que é un invento”.

Eu vivín esa alegría por descubrir unha palabra viva que contaba como morta anos despois, na casa dos meus sogros, en Xinzo da Limia. Foi a tía Rosa a que dixo rindo: “Non me faledes nesta orella que xa non ouvo nada”. Ao primeiro pensei que falaba do verbo haber: “houbo nada” pero xa a seguir contestoulle o tío Antonio: “Ouves, ouves. Ouves aquilo que queres ouvir”. Así, en trinta segundos recibín unha sobredose dun verbo que xa contaba no cemiterio do noso patrimonio léxico.

O caso é que o verbo ouvir está vivo en Galicia. Na Baixa Limia e noutras zonas, moitas delas arraianas con Portugal, úsase acotío. Persoalmente, non a emprego porque na raia da que eu son (Cequeliños) empregar oír, pero ambos os verbos son válidos, correctos e galegos non só na teoría senón na práctica.

A forma estándar de conxugar o verbo ouvir, con todo, difire da que utilizan na Limia. A primeira persoa do presente é ouzo, ao igual que todas as persoas do presente de subxuntivo: ouza, ouzas, ouza, ouzamos, ouzades, ouzan. “Ouzo pezuños de cabalo; é hora de marchar”. “Cando ouzamos a chuvia fóra xa vai ser tarde para apañar a roupa do tendal”.

O caso que vos conto é só un dos moitos que existen con palabras que aparentemente desapareceron da fala viva. Unha das grandezas de Galicia é a súa variedade lingüística, a enorme riqueza léxica que pervive entre os falantes. Claro está que ese patrimonio está en grave perigo. Primeiro porque o abandono do galego está a coincidir co abandono do rural, campo semántico tan amplo e tan importante na configuración do noso idioma. E segundo porque o proceso de castelanización do noso vocabulario está a producirse ao xeito dunha guerra partisana: tal palabra galega substitúese pola castelá en tales comarcas pero permanece noutras, co que conseguir escoitar determinadas palabras daría até para un circuíto de turismo léxico. Deixo a idea para quen a queira: visite tal aldea para sentir, espontánea e xenuína a palabra poula. Mañá iremos a tal outro lugar para desmentir que no galego real haxa quen di leite gordo, terza feira, tomara (co significado de oxalá) ou estupor (na miña casa, estepor).

Déixovos este vídeo que algo fala diso.

Navegación de artigos