Pelusa, peluxe, peluche
Derivadas de pelo son as tres palabras que protagonizan este artigo. Pelusa, moi usada no galego oral, é en realidade un castelanismo en todos os seus significados. Debemos substituíla por peluxe, tanto dá que falemos da peluxe que nos nace na caluga ou da peluxe que teñen os pexegos.
Ao falarmos do peliño mol que teñen os bebés ou os cachorros de animais, podemos empregar peluxe ou usarmos unha forma semellante: penuxe. O dicionario indica que penuxe é o tipo de pluma, pequena e liviá, que teñen as aves, especialmente cando son crías. Ese aspecto de boliñas de algodón pode estenderse a esoutra peluxe que teñen os bebeciños ou os cadelos.
O peluche era, en orixe, un tipo de tecido artificial que tiña unha das caras con fibras suaves que se asemellaban ao veludo. A día de hoxe a palabra francesa define os bonecos fabricados con esa tea. Ollo que no dicionario da RAG aparece como sinónimo feminino por erro, a palabra é masculino. “Os reis trouxéronme un peluche e dúas bonecas”.