Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “pero”

Mais

Hai catro formas gramaticais que se escriben igual en galego. Máis, así con acento  diacrítico, é un adverbio de cantidade. “Os vascos son máis altos ca os galegos”. Tamén se grafa con acento no a cando é unha preposición e cando representa o signo aritmético da suma: “Cinco máis cinco son dez”.

Non leva acento mais cando é conxunción adversativa, sinónima de pero. “Eu fun ao castelo mais vós non estabades alí”. Hai que lembrar que para algúns lingüístas, caso de Xosé Ramón Freixeiro Mato, pero é un castelanismo que debe evitarse e, polo tanto, substituírse sempre por este mais.

Aínda hai unha cuarta forma na que mais se escribe sen acento. É a máis complicada. Cando aparece na frase na forma de conxunción copulativa acrecentando o significado da conxunción e. “A túa nai e mais a miña foron á praza”; “Coruxo e mais Montañeiros gañaron os seus partidos”. Tamén pode funcionar como conxunción autonóma. “Meu can mais teu gato están precisando un baño”. Velaquí a dificultade porque en aparencia podemos confundir ese mais copulativo cun máis sumatorio.

Navegación de artigos