Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “perruquería”

Perrera

Hoxe vou falar de cans e pelo ao mesmo tempo. Non son temas dispares, abofé, polo menos para os que compartimos a vida cun cadelo. Que levante a man o que se libra de ir tapizado de peleiros cada vez que sae á rúa.

Mais falemos de lingua. Na miña casa desde cativo escoitei a palabra perrera como forma propia de falar do floco de cabelo que cae sobre a testa. Miña nai, que é peiteadora, usou ese termo toda a vida pero tamén llelo escoitei a persoas máis vellas.

O caso é que perrera é un misterio lingüístico. Non existe nin en castelán nin en portugués. Os entendidos consideran que pode proceder do francés (pola raíz perr-, presente en perruca) aínda que nesa lingua non hai un termo similar. A terminación -era rénxelles aos lingüístas e defenden a adaptación desta palabra ao galego coa forma perreira. Mais a día de hoxe, o VOLG non recoñece nin perreira nin perrera.

Persoalmente, considero que debería aceptarse perrera (tamén outras formas exóticas, caso de pavero, pavera). Unha lingua ten centos de excepcións e existen casos nos que a etimoloxía impide que determinadas palabras aparentemente de orixe foránea se adapten ao galego. Dicimos calquera, primavera e sincera e non sinceira, primaveira e calqueira. Por que non perrera, pronunciada con e aberto? No fondo estamos potenciando unha palabra senlleira, única no seu contorno e con ben anos de experiencia entre nós.

Ti que opinas?

Navegación de artigos