Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “pío”

Pilón

Un pilón é en castelán varias cousas mais o significado máis estendido entre os galegofalantes é o de receptáculo ancho e máis ou menos profundo, de pedra ou cimento, onde se lava ou se recolle algún líquido. En galego é unha palabra innecesaria, que está a ocupar o oco da forma propia: pío.

Pío encaixa na tradición galega de denominar en masculino ou feminino dúas formas dun obxecto, animal ou árbore (diferenciamos carballo de carballa, rato de rata ou ría de río). Neste caso, o masculino define a forma máis grande e o feminino a máis pequena. Pía úsase para definir ese recipiente cóncavo ou de forma semellante que se coloca nun cuarto de baño, na cociña ou na lavandaría. “Tes a pía chea de louza e aí estás, deitado coma un abade”. “Redeseñamos as pías do aseo dos homes porque as outras quedaran vellas”.

Hai unha frase feita en castelán, con relativo éxito entre os galegos: “Bajar al pilón”. O seu significado é realizar sexo oral. Non coñezo un equivalente de garantías en galego e non recomendo o calco “baixar ao pío”. Se alguén sabe dunha forma popular e graciosa de falar disto cunha frase-eufemismo, que a comparta.

Para o termo martillo pilón, en galego podemos dicir martelo mecánico. Este nome define unha máquina que consiste nunha peza de aceiro pesada que cae sobre algún material que se coloca sobre a zafra.

Navegación de artigos