Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “poldro”

Maniotas no ximnasio

A memoria é fráxil. En especial a memoria da internet, pensada para chegar a todas as partes, máis efémera que calquera outra manifestación plástica humana, puros deseños na area húmida da praia, que desaparecen na primeira onda. Hai cinco anos, María Yáñez impulsara, xunto con Antón Reixa, Belén Regueira, Iago Martínez e Xabier P. Docampo, GalegoLab, unha iniciativa de promoción do idioma galego a través das novas ferramentas e accións que posibilitaban as redes sociais e a linguaxe da denominada internet 2.0. Hoxe o proxecto coido que xa non existe pero recordo que como usuario podías promover diferentes actividades que servisen para difundir o galego. Non recordo ben pero até penso que algo propuxen, sen éxito. O que si recordo, algo menos vagamente, foi un proxecto para galeguizar os ximnasios. A idea era facilitar a entrada do noso idioma nestes establecementos e ao mesmo tempo atraer novos públicos á nosa lingua.

Recordando aquela historia, hoxe falaremos de ximnasios, da lingua galega que utilizamos neste ámbito. Hai dous tipos de léxico: o específico, baseado en neoloxismos que case nunca teremos que traducir ou adaptar e o máis xeral, castelanizado mais facilmente adaptable á nosa fala.

No ximnasio encontramos moitos termos que non precisan tradución: bicicleta estática, elíptica, colchoneta, pelota, chándal, mallas, toalla, ducha, sauna… Mais nalgúns casos debemos estar atentos para non usarmos castelanismos innecesarios. Cada unha das pezas que en castelán se denominan pesa ou mancuerna,  en galego debemos chamala peso ou haltere. “No ximnasio non fago exercicio aeróbico, só levanto pesos”. “Aquí non compraron halteres de máis de dous quilos”.

Os aparellos de ximnasia máis comúns son o plinto, o poldro, as argolas (en castelán, anillas) e a espaleira (espaldera, en castelán). Os elementos que se usan acotío no pilates e outros exercicios son aros, bandas elásticas e ourizos. O ourizo é un neoloxismo para definir un elemento plástico e inestable que favorece o aumento da propriocepción e o equilibrio. O nome vénlle da semellanza dunha das superficies coas pugas deste animaliño tan simpático.

No caso das denominacións das diferentes actividades lúdico-deportivas dos ximnasios, non hai diferenza entre as formas xa asentadas: judo, karate, tae kwondo… das máis novas: zumba, pilates, aerobox, step… Todas se grafan coa forma orixinal nas linguas de orixe. Hai casos concretos onde a norma decidiu adaptarse, por exemplo en ioga. Outras disciplinas convén grafalas con maiúsculas porque responden a siglas: GAP é un resumo de glúteos, abdominais e pernas, por exemplo.

Debemos tamén recordar como se denominan en galego as partes do corpo: xeonllos en vez de rodillas; nocellos en vez de tobillos; costas en vez de espalda; cadeiras ou cadrís; cóbado en vez de codo; pulso en vez de muñeca; caluga en vez de nuca; coroa ou cocorota en vez de coronilla; barriga da perna en vez de pantorrilla; coxa en vez de muslo; embigo en vez de ombligo.

Unha consecuencia case natural do exercicio físico, en especial nas primeiras sesións, son as maniotas. Si, así se chaman en galego a esas molestias musculares que temos tras expor o corpo a un esforzo non habitual, que en castelán se chaman agujetas. Por certo, para eliminalas, iso de tomar auga con azucre é un atraso. Mellor estira antes e despois do exercicio e vai aumentando a carga de traballo progresivamente.

Navegación de artigos