Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “porque”

Porque, por que e porqué

Non debería dar moita guerra escoller a forma correcta en cada caso pero como a diario vemos erros na escrita desta tríada de conceptos, indicamos en que casos se usa cada unha das partículas.

Porque é unha conxunción que se pode substituír por posto que, dado que, xa que. Nalgúns casos equivale a para que, cando ten valor de finalidade xunto a un verbo en subxuntivo “Traballei máis horas das que debía porque me renovasen o contrato”.

Por que en galego ten tres usos. Un é o da suma da preposición por máis o interrogativo que. “Por que marchaches sen avisar?”. Hai que lembrar que en galego os interrogativos non levan acento a non ser que poidan confundir con outras partículas dentro da oración. Un bo truco para saber se ese “por que” é do tipo interrogativo é engadirlle a palabra razón. “Pregúntome por que (razón) sempre tes a música tan alta”.

O outro significado é o de unión de preposición por máis pronome relativo que. “Cal é a razón por que te presentas ás eleccións”. É fácil saber se vai xunto ou separado colocando entre o por e o que un artigo. “Cal é a razón pola que te presentas…”

En caso de verbos, substantivos ou adxectivos que levan aparellada a preposición por, vai separado do pronome que. “Incomódaste simplemente por que non che dou a razón”.

Porqué é un substantivo que é sinónimo de razón, motivo, causa… “Non hai un porqué que explique o meu desamor”. O plural é porqués. “Hai varios porqués para non entrarmos por esa porta”.

Navegación de artigos