Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “premura”

Premura

Teño dito outras veces que o campo culto é idóneo para que os castelanismos abrochen coma malas herbas. Palabras pouco usuais na lingua cotiá que se len ou se escoitan en contextos máis formais en castelán entran directamente no vocabulario de moitos galegofalantes.

Este é o caso de premura. Cantas veces escoitámoslles aos políticos dicir iso de “o problema hase solucionar con absoluta premura”.

Baixo este italianismo adoptado polo castelán seica hai 500 anos (cando gran parte da península itálica estaba baixo o goberno da monarquía catalano-aragonesa e logo española) hai un ramallete de palabras galegas con idéntico significado. A máis obvia, présa, que debemos grafar con acento diacrítico para diferenciala de presa (cantidade de algo que cabe nunha man; encoro; botín…). Debe pronunciarse, segundo o estándar, con e aberto. Outras posibilidades son rapidez, velocidade, apuro, apresuramento ou urxencia.

Navegación de artigos