Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “presa”

Premura

Teño dito outras veces que o campo culto é idóneo para que os castelanismos abrochen coma malas herbas. Palabras pouco usuais na lingua cotiá que se len ou se escoitan en contextos máis formais en castelán entran directamente no vocabulario de moitos galegofalantes.

Este é o caso de premura. Cantas veces escoitámoslles aos políticos dicir iso de “o problema hase solucionar con absoluta premura”.

Baixo este italianismo adoptado polo castelán seica hai 500 anos (cando gran parte da península itálica estaba baixo o goberno da monarquía catalano-aragonesa e logo española) hai un ramallete de palabras galegas con idéntico significado. A máis obvia, présa, que debemos grafar con acento diacrítico para diferenciala de presa (cantidade de algo que cabe nunha man; encoro; botín…). Debe pronunciarse, segundo o estándar, con e aberto. Outras posibilidades son rapidez, velocidade, apuro, apresuramento ou urxencia.

Embalse

Construción que impide o paso da auga, especialmente nun río. Velaí a definición dun embalse, palabra castelá, impropia do galego mais habitual na fala por mor do seu uso constante nos medios de comunicación. Podemos substituíla polas si galegas presa ou represa. Encoro define o depósito, é dicir, a cantidade de auga remansada. Pode ser natural ou artificial. Así, podemos dicir: “Dous mortos pola rotura dunha represa” e “Gústame practicar piragüismo no encoro de Castrelo de Miño”.

Outros sinónimos de encoro son banzado, pantano, encalco ou estanque. Cando falemos dunha zona do leito fluvial onde a auga se detén ou avanza con lentitude debemos falar de remanso, relanzo, mansío ou vaira.

Cando falemos de construcións para parar ou desviar o curso do río, amais de presa e represa, son boas escollas tosta e o galicismo barraxe, que se emprega comunmente no portugués aínda que non o recolle a normativa galega.

Navegación de artigos