Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “préstamos lingüísticos”

Os préstamos lingüísticos

O 25 de xaneiro, Xurxo Diz Pico, investigador no Institut Universitari de Lingüística Aplicada da Universitat Pompeu Fabra, asociado ao CSIC, explicaba no Twitter cal era a súa postura a respecto dos préstamos lingüísticos e a tendencia natural dos normativizadores de todas as linguas receptoras deses neoloxismos. “O empréstito acotío vai ser máis preciso e máis curto. De combatelo ha ser cun igual: a xente non vai trocar por vicio por riba da economía. Tentar callar coma alternativas a un empréstito xiros léxicos máis longos ou máis ambiguos é case sempre un xogo perdido”. Refírese Diz Pico a exemplos da lingua galega normativizada do estilo de: cadeira de brazos (para substituír sillón), salón de peiteado (para substituír peluquería e a primeira versión galeguizada perrucaría), caixa de urxencias, botica de primeiros auxilios ou cuarto de primeiros auxilios (por botiquín), billete de empréstimo (en vez de pagaré, pagarei) non-pagamento e non-comparecencia (por impago e incomparecencia)…

En verdade, seguindo o acertado vieiro que enceta o especialista galego afincado en Catalunya, as linguas sempre tenden a tomar como útiles aquelas formas que resultan máis económicas desde un punto de vista lingüístico. O léxico tende sempre a dous fenómenos en aparencia contraditorios: a xeneralización e a precisión. Podemos referirnos a unha cousa, un couso, falar de aquí ou alí ou aí arriba ou cacharro ou moitas outras palabras comodín sen máis pero cando queremos evitar a confusión, usamos a palabra exacta, que sempre vai ser unha palabra, non unha perífrase: Se pensamos no depósito amarelo onde os carteiros recollen as cartas, falamos de buzón, non de caixa de correo, a opción aceptada pola normativa do galego.

Os préstamos lingüísticos úsanse para adaptar novos usos da linguaxe e só triunfan aqueles que en efecto veñen cubrir ocos comunicativos que todas as linguas teñen, ben porque responden a obxectos, dinámicas ou realidades alleas ben porque definen cambios tecnolóxicos, sociais, económicos. Estes procesos veñen dándose no galego desde a Idade Media e o noso léxico está cheo de palabras emprestadas. Bou e baixel son dous galeguismos orixinarios do catalán; alcalde procede do árabe al-qadi (de feito en galego tamén falamos dos cadís como cargos públicos na antiga Al-Ándalus), corcel (cabalo de batalla ou cabalo veloz e fogoso) do francés antigo corsier, chocolate e tomate, do náhuatl…

Na actualidade, como os procesos de empréstimo lingüístico son máis dinámicos e rápidos ca nunca, a reacción das autoridades normativas é máis proteccionista. En todos os idiomas; no caso español, a Fundeu ten unha filosofía moi conservadora e só acepta eses préstamos cando xa se estenderon sen remedio. Non hai que esquecer que un dos cometidos desta fundación é “españolizar” a toponimia mundial. Até aí chega a reacción a calquera “contaminación” lingüística.

En galego, a RAG (que ten moitos menos medios e polo tanto non é tan áxil) incidiu xunto co ILG nos últimos 35 anos na profilaxe fronte aos castelanismos. Como filosofía é obvio que o galego cómpre liberarse de moitos castelanismos que invaden a nosa lingua común simplemente porque o galego é moito máis feble na difusión a través dos medios de comunicación e a linguaxe técnica. Pero claro, a estratexia erra cando opta por “traducir” o préstamo. Imaxinemos que fose hoxe que se puxese de moda a pizza como prato. Seguro que a primeira reacción académica sería intentar adaptar esta novidade ao galego. Como, obviamente, non ían ter ningún termo de noso asimilable, quizais optasen pola tan deostada perífrase: masa con queixo e tomate ou círculo de masa quizais fosen formas recomendadas. Sei que soa ridículo pero acaso non é tamén infantil pretender impoñer a forma salón de peiteado ou técnica de peiteado (por perruqueira)? Especialmente cando si se conseguira visibilizar a forma afrancesada de peluquería con perrucaría, forma, por outra parte, hoxe xa estendida. E aínda así, eu coido que sería o momento de aceptar peluquería no galego xa que a xente non a percibe co sentido orixinal de lugar onde se confeccionan e se colocan pelucas senón lugar onde se axeita o pelo, de aí a facilidade de entenderse cunha palabra que empeza por pelu-.

É certo que o galego non pode aceptar todos os préstamos porque a súa posición de inferioridade legal e falta de influencia social (non hai apenas publicacións en galego, a televisión en galego ocupa, no mellor dos casos, un 10% da oferta total en calquera fogar) fano vulnerable a quedar eslamiado. Casos como o dominio de melocotón, escoba, galpón ou silla sobre as palabras galegas pexego, vasoira, pendello (ou palleira, coberto…) ou cadeira explícanse nestas coordenadas. Mais as propostas propias deben procurar ese equilibrio entre léxico patrimonial e economía lingüística. Seguro que en moitos casos, os neoloxismos poden substituírse por novos sentidos de vellas palabras nosas. Así pasa coa palabra punteiro, aplicada ao rato do ordenador; ou chío e rechouchío para tuit e retuit. É tarefa de lexicógrafos imaxinativos mais tamén de tradutores, xornalistas e escritores saber aplicar vellas receitas a novas necesidades. Recordemos que xa na Idade Moderna os galegos miramos un cereal amarelo que viña de América e pensamos en canto se parecía a un que xa aquí había chamado millo. E quedoulle o nome.

E cando non se poida, pois non pasa nada. Se o préstamo triunfa case sempre é porque é bo. E se é malo, xa a propia lingua o desterrará. Seguro que todos nós usabamos acotío palabras “modernas” hai vinte anos que hoxe non recorda case ninguén; tan desfasadas que incluso na serie de Cuéntame soan artificiais.

Desde o meu punto de vista persoal, buzón, botiquín, sillón, servilleta, xacemento… deberían aceptarse como palabras galegas válidas. Mais de momento, a RAG considera que no galego estándar deben usarse caixa de correo, botica de primeiros auxilios, pano de mesa ou depósito mineral. Mais non perdo a esperanza: bombilla, desfrutar ou desfrute, que hai só uns anos eran palabras consideradas alleas, hoxe xa forman parte do galego normativo; no galego real xa levaban moito tempo.

Navegación de artigos