Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “promedio”

Promedio

O castelanismo promedio debémolo substituír en galego, segundo o contexto da frase, por media (cantidade ou valor máis próximo ao cociente de dividir entre os compoñentes dunha fracción o valor total). “A media de fillos por parella descendeu en Galicia nas últimas décadas) ou por punto medio ou metade.

É palabra moi utilizada en estatística e dese ámbito pasa habitualmente á linguaxe política e xornalística. A orixe da palabra é unha locución latina, pro medio, que só triunfou no castelán entre todas as linguas latinas.

O galego tamén proscribe o verbo promediar. Este é un verbo económico que en galego debemos traducir valéndonos de complementos verbais. Para o significado de repartir algo en dúas partes iguais, debemos empregar a locución verbal partir á metade. Tamén pode significar achar a media. Interpoñerse entre dúas ou máis persoas en galego expresarémolo a través dos verbos mediar ou intermediar. No caso de chegar á metade un determinado espazo de tempo, o galego emprega mediar. “Promediaba el otoño cuando llegó tu carta”. “Mediaba o outono cando chegou a túa carta”.

Navegación de artigos