Como engadir un pronome átono a un verbo
Consultaba hai uns días Meu como saber que forma toma o pronome átono cando se acopla a unha forma verbal nunha frase na que actúa como complemento directo. Como é? Eles comen churrasco pasa a ser Eles cómenno? Marcos le un libro; el leo, lelo?
Ben, expliquemos a regra, que é sinxela de aprender.
Case en todos os casos, o pronome átono (a, as e o, os) aparece apegado ao verbo así. “Maruxa compra unha boneca: Maruxa cómpraa”; “A avoa vive as festas; a avoa víveas”.
Mais hai casos nos que temos que empregar outras formas:
-Cando a forma átona se engade a unha forma verbal rematada en -s ou -r ou xunta ao adverbio u usamos as formas -la(s) e -lo(s). “Teimaches en correr a maratón; teimaches en correla”. “Tomas o café?; tómalo”. “Dis para ti, hai esperanza, mais ula?”
-Nos casos de verbos que rematan en ditongo, empregamos -na(s) e -no(s). “O can mordeu a túa tía; o can mordeuna”. “A Rosa partiu os garabullos; A Rosa partiunos”.
Ás veces vemos que neste caso, na fala hai fenómenos de redución: “Moredeua”, “Partíua”. Quizais por hipercorrección, nalgúns casos na escrita hai que duplica o n: “Mordeunna”. Isto débese, na miña opinión, á confusión entre a forma átona do pronome de terceira persoa coa forma átona da primeira persoa do plural xunto a formas verbais rematadas en -n. “As nenas rin as nosas grazas; as nenas rinnos as nosas grazas; as nenas rínnolas” (reparemos en que o complemento directo -as toma un l debido a que a forma rinnos remata en -s).
Aínda que tamén se estende o fenómeno a formas verbais que rematan en -n e que duplican innecesariamente a consoante final. “Nese obradoiro reparan cadeiras estragadas; nese obradoiro repárannas (cando simplemente debemos incorporar a forma átona -as, sen máis: repáranas).