Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Arquivo para a etiqueta “quilo”

Kilo

O k non é un grafema moi querido polo galego. Co c e co q na meirande parte das veces bástase a nosa lingua para representar o son que outras linguas lle atribúen ao k. Eis o caso de kilo. Galicismo exitoso en todo o mundo, o galego prefire a forma quilo, tanto na versión apocopada (quilo sinónimo de quilogramo) como nos demais compostos onde quilo- representa o número mil: quilovatio, quilopondio, quilómetro…

Tamén utilizaremos quilo cando falemos de xeito coloquial dunha gran cantidade de algo: “Custoume un quilo levantar aquel moble!” ou en referencia a un millón de pesetas… de euros xa vai ser máis complicado oílo: “Ese coche váleche catro quilos e tampouco é tan bonito”.

Kilo é a adaptación francesa da palabra grega quilioi, grafada antigamente como chilioi na transcrición ao latín dos caracteres gregos. Ollo á abreviatura internacional de kilo, que sempre se grafa con k: kg, km, kw…

Advertisements

Navegación de artigos