Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “rajoy”

Rajoy

Tan afeitos estamos os galegos a que nos nomeen coas palabras do castelán que temos que parar un segundo e reflexionarmos sobre os motivos de que colaboremos tan activamente nun longo proceso de marxinalización, inxusto e –coma todos– reversible.

O exemplo que hoxe quero compartir é o de Rajoy. Desde hai anos, este nome propio é sinónimo de moitas cousas. As connotacións déixollas a cada lector porque seguro que cadaquén temos nos nosos adentros un adxectivo, un concepto, un momento que relacionamos inevitablemente con esta palabra. E por fóra de todo iso queda o esquelete: Rajoy é a deturpación dun bonito topónimo galego que pasou á onomástica: Raxoi.

Conta Gonzalo Navaza que foi especialmente a partir do século XVIII que os escribáns, algúns galegos, os máis de fóra, empezaron a corrixir os apelidos e nomes dos nosos lugares e parroquias para que se adaptasen á unidade lingüística soñada polo imperialismo español. Non foi un proceso necesariamente ditado por ningunha orde. Como ben explicou Antonio Gramsci xa hai moitos anos, na cultura só cómpre crear unha hexemonía para que todos os axentes traballen implicitamente a favor dela. Eis como os Raxoi pasaron a Rajoy en tantos casos. E xa non volveron.

Tras a chegada da autonomía, no 1981, promoveuse un proceso de restauración lingüística. Por iso o pazo no que se empraza o Concello de Santiago, por exemplo, é o Pazo de Raxoi e os tres lugares que levan ese nome: un na Caniza, outro en Valga e outro en Vedra volveron ser Raxoi tamén nos papeis oficiais.

Na onomástica o proceso de restitución fracasou. Non houbo pedagoxía, máis ben boicot por parte da burocracia encargada dos rexistros, fortemente vinculada ao poder estatal. Ningún proceso ten éxito a base de voluntarismo, máis cando custa tanto mudar calquera aspecto dun apelido: a súa grafía, a súa orde… Son odiseas entre labirintos funcionariais. Os servidores públicos convértense en tiranos (mercé ás leis, non pola súa culpa) que dificultan que os Freijanes sexan Freixáns; os Teijeiro, Teixeiro; os Cid Cide, os Rajoy Raxoi.

Este blog ocúpase das dúbidas que xorden cando escribimos en galego. En moitos temas, eu, o autor e único responsable, tomo posturas que son estritamente persoais, discutibles e por veces polémicas. Neste asunto, considero que naqueles casos nos que non haxa ningunha dúbida de que estamos ante apelidos galegos deturpados, inequivocamente aldraxados por sons e grafías alleas, é conveniente restituílos nos textos. Eu sempre escribirei Mariano Raxoi Brei; Alberte Núñez Feixoo; Xavier Gómez Noia. En casos nos que a propia persoa fixo esforzos por adaptar o seu apelido á grafía galega hai que ser xenerosos, non obstante. A ninguén se lle ocorrería chamarlle ao director da editorial Galaxia Vítor Freixáns (xa falaremos da miña hipótese sobre este apelido noutro momento).

Navegación de artigos