Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “relator”

Poñencia

Na versión en castelán puro ou con ese ñ agalegado, esta palabra non existe en galego. Ponencia é un castelanismo evitable tanto no significado de comunicación ou proposta sobre un tema concreto como no de comisión designada para examinar un asunto e propor resolucións.

En galego debemos optar por relatorio, no primeiro caso. “Invitáronme a pronunciar un relatorio sobre o cultivo ecolóxico”, e non ponencia. Palabras afíns a este sentido son comunicación, presentación ou conferencia.

Cando falamos dunha asemblea colexiada, usaremos comisión, sección, división ou incluso mesa. “La ponencia constitucional del Congreso de los Diputados se fue de vacaciones”/”A comisión constitucional do Congreso dos Deputados marchou de vacacións”.

Obviamente, tampouco é correcta en galego a forma poñente ou ponente. Debe substituírse por relator e relatora. Ollo porque os correctores informáticos do galego non sinalarán como incorrecta poñente porque en galego si existe esta palabra, mais co sentido de punto cardinal, concretamente é sinónimo de oeste, por onde se pon o sol.

Navegación de artigos