Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “requisar”

Decomisar

Hai tempo falara da palabra convalidar, castelanismo que no galego perdía o seu prefixo. No caso de decomisar, para expresala en galego, faremos algo semellante.

Do latín commissum (pena ou multa) xorde o verbo comisar, que amais de no galego tamén se documenta no castelán, aínda que de forma moi minoritaria fronte a decomisar.

Tamén é castelanismo decomiso, que substituiremos por comiso. “A xuíza ordenou o comiso da mercadoría falsificada que estaba a vender na tenda”.

Outros verbos co mesmo significado son confiscar, aprehender ou requisar. Os seus substantivos derivados son confiscación, aprehensión e requisa.

Incautar

Seguro que escoitastes este verbo un cento de veces. Ás veces na súa forma reflexiva: A policía incautouse de dúas toneladas de cocaína.

De ningún xeito existe en galego. É un castelanismo exitoso mercé á especialización da palabra no vocabulario xornalístico e policial.

Para substituílo, temos moitos verbos propios cun significado similar: aprehender, apoderarse, requisar, confiscar, alixar, embargar ou comisar. Só é cuestión de ir colocando a forma máis precisa en cada contexto: A policía requisou dúas toneladas de cocaína.

Loxicamente, tampouco existe incautación nin incautamento. Substantivos propios para evitar o castelanismo son alixo, aprehensión e aprehendemento, comiso ou comisamento, requisamento, confiscación e embargamento ou embargo.

Navegación de artigos