Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “sá”

Sala, sá, saa

Ás veces, a normativa prefire fomentar o galego histórico diante da fala viva; noutros casos fai ao revés. Por que? Non me corresponde a min explicalo. No caso de sala, o galego historicamente foi erosionando a palabra xermánica sal até convertela en saa. Saa é un termo vivo na toponimia e na onomástica que a literatura galega adaptou como sa ou sá. Nalgúns medios de comunicación e institucións quíxose implantar o termo, incluso empregando a palabra en construcións novísimas como fútbol sá ou sá de exposicións.

Mais a norma proscribe as formas saa e sá por arcaizantes. Consideran as autoridades lingüísticas que son formas mortas na fala común e que o seu uso é artificial. Por iso defenden a forma plena sala, tamén utilizada en castelán e portugués.

Persoalmente, estou a favor de permitir o uso de sá. Se se considera que o termo patrimonial ten pouco a ver cun espazo público restrinxamos o seu significado a definir o cuarto da casa destinado a lecer. Vaia, o que se coñece comunmente por salón. En realidade, a propia palabra salón é un neoloxismo. Coa necesidade de crear unha linguaxe publicitaria propia para a venda de pisos e casas, o castelán decidiu chamarlles ás salas dos apartamentos salóns, que como o seu nome indica, definía as salas moi grandes das casas burguesas e dos palacios. Na casa tradicional non había salón senón sala. Por que non sá?

Por certo, sá leva acento gráfico diacrítico para que non se confunda co adxectivo sa (con boa saúde).

Navegación de artigos