Buzón
Non está demasiado clara a etimoloxía da palabra castelá buzón. A RAE considera que o receptáculo provisto de boca onde se deposita correspondencia deriva da palabra bozón, que define un tipo de ariete usado na arte militar de tomar fortalezas. Ese bozón proviría, a través do provenzal, dunha palabra alemá (bolzen) que define un cravo de tamaño groso. É dicir, os primeiros cilindros colocados nas vías públicas para recolleren o correo recordaban estas pezas militares.
O caso é que en galego non debemos usar este castelanismo. Empregaremos a forma viva en portugués caixa ou caixa de correo, en todos os ámbitos. Nalgúns casos, o portugués ten palabras diferentes: buzón de voz é secretária eletrônica no Brasil. A miña avoa Teresa chámalle “a señorita” ao dispositivo de resposta automática dos teléfonos. No portugués, unha caixa postal é o equivalente ao noso apartado de correos.
Buzón é un castelanismo difícil de erradicar porque a palabra substituta é confusa e antieconómica. Persoalmente, coido que sería preferible admitila xa que, na práctica, é practicamente imposible que se xeneralice o uso de caixa de correo.