Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “secretaría”

Segredo e secreto

Aínda procedentes da mesma palabra latina, secretum, no galego segredo e secreto tiveron diverxentes viaxes no tempo. A forma máis modelada pola historia, segredo, utilizarémola cando falemos dun substantivo: “O avó tiña un segredo que o atormentaba”. O hiperenxebrismo provocou que segredo se use ás veces tamén cando a palabra é un adxectivo: “O axente segredo, de Joseph Conrad”. É incorrecto. Nese caso utilizaremos o cultismo secreto/secreta.

Tamén son cultismos os derivados secretaria/secretario e secretaría. Tamén secretariado e secretismo.

O verbo secretar (no sentido de saír das glándulas materias producidas por elas mesmas que o organismo utiliza para algunha función) é incorrecto en galego, por ser castelanismo, á súa vez procedente do francés. Débese utilizar en todos os casos segregar.

Navegación de artigos