Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “taco”

Almorzar, xantar, cear

Comer, alén de ser unha necesidade básica das persoas, é un dos elementos máis complexos dunha cultura. Inflúe en moitos ámbitos e a lingua non podía ser menos. Ao contrario, o acto de alimentarnos ten unha relación íntima coa fala. Será porque ambas cousas comparten a boca.

En Galicia temos unha cultura culinaria única e riquísima grazas á diversidade da nosa natureza e ao pouso de moitos séculos de aprendizaxe, mestura e investigación popular ao redor dos alimentos e dos seus procesamentos. Neste blog acotío falamos de comer pero hoxe unicamente quero centrarme nos horarios de cada unha das cerimonias da paparota.

Hoxe é habitual comer tres veces ao día. Unha pola mañá, o almorzo, palabra que desaparece substituída polo castelanismo desaiuno ou desaúno, outra nas horas centrais do día, entre as 13h e as 15h segundo a clase social, a ocupación ou a zona xeográfica, denominada xantar (viva na fala) e outra á noitiña, entre as 20h e as 23h, que coñecemos por cea, aínda que en moitos casos se use o castelanismo cena.

Este moderno sistema non sempre foi así e no rastro da nosa cultura encontramos outro xeito de comer día a día.

Hoxe, dicía, xántase entre as 13h e as 15h mais isto é un costume relativamente recente. A hora habitual de xantar era o mediodía. De aí que aínda se diga a comida das doce. “Non sei que facer mañá para as doce. Macarróns non que levamos toda a semana comendo pasta”.

Tamén mudou moito o xeito de administrar a comida pola mañá. Na Galicia tradicional a xente erguíase moi cedo. Tan pronto era día había que saír co gando. A esas horas o estómago pouco admite. De aí que a xente tomara a parva, cuxo contido variaba. Podía ser un trago de augardente mais tamén un café con pan ou unhas galletas molladas. Tras a primeira xeira de traballo a xente volvía á casa para almorzar. Esta dupla comida deixou pegada en moitas casas, onde se diferencia o desaúno, a base de leite, cereais ou alimentos de fariña e froita, do almorzo, que consiste en algo salgado: unha chouriza, un bocadillo de xamón, un pouco de friame… Non é casual que o galego acollera como empréstimo a forma desayuno pois implica, máis que un cambio no horario, un cambio no contido desa comida. Aínda que era tradicional tomar aquelas cuncas enormes de leite con chicoria e boroa esmigallada, o almorzo tradicional era mixto, quizais máis parecido ao que fan nos países de cultura xermánica aínda hoxe en día, en contraste co modelo español (madrileño) que se foi impoñendo, máis livián e baseado no xogo entre leite, café ou cacao e algo de panadaría industrial.

As mañás en Galicia rendían moito. De aí que ás veces a xente aínda comía unha terceira vez antes do xantar. Era o taco ou as dez. Unha peza de froita ou algo de porco, en moitas ocasións.

Nalgúns casos, especialmente nos períodos de tarefas extraordinarias no campo, en Galicia facíanse os chamados almorzos xantareiros, un invento de noso que os americanos puxeron de moda co nome de brunch (mestura entre as palabras breakfast (almorzo) e lunch (xantar)). Nada novo en Manhattan que non tiveramos antes aquí.

Entre o xantar e a cea era habitual a merenda, hoxe restrinxida á infancia e á vellez. A merenda mata non só a fame senón o aburrimento das longas tardes, que en inverno (seguindo o horario solar) se pasan nun morriñento lusco-fusco.

Navegación de artigos