Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “taquilla”

Tipo de interese

A linguaxe bancaria está ben afastada do galego, coma todos os espazos de dominio social e económico. O uso por parte das entidades que operan en Galicia (desde hai anos só existe unha caixa propiamente galega, a Caixa Rural) é no mellor dos casos litúrxico, habitualmente subordinado ao castelán, con erros ortográficos, cun desprezo tácito cara á nosa lingua e cara aos seus clientes que a usan. Só hai que observar as dificultades para operar en galego nas súas páxinas de banca electrónica ou achegarse ás oficinas.

Non é por aburrir con anécdotas pero recordo cando hai ano e medio fun pagar o meu primeiro recibo do aluguer á oficina de Abanca (daquela aínda Novacaixagalicia). A muller que me atendeu díxome que era de fóra, que non sabía escribir en galego, que por favor lle anotase nun papel como se escribía aluguer. Mentre eu estaba a facer a nota, un compañeiro seu, ese si galego, apartouna do ordenador, e acabou o trámite poñendo un sonoro alquiler. Vin o papel e pedinlle que o puxese en galego. El, sen perder o sorriso e o rotacismo ourensán, díxome. “Ahora ya te está. Si quieres modificarlo, tienes que hacer cola”.

Ese mes pasou así pero ao seguinte fixen forza para que me atendese el. Cando lle paguei, insistinlle en que puxese aluguer, “así en galego que nos entendemos todos”. Requichou o fociño e non protestou. Ao ver a folla impresa vin que puxera un fabuloso “Aluger Xulio 2013”. Xa nin protestei; emigrei cara á banca pola internet.

Que lles imos pedir aos traballadores cando os directivos descoñecen a lingua. Abanca vén de mudar o servizo de venda de entradas pola internet. Antes chamábase Servinova, agora Ataquilla. Como expliquei aquí, taquilla é un castelanismo, por suposto moi implantado, pero substituíble.

Na lingua bancaria, hai algúns castrapismos que debemos evitar. O máis común é tipo de interese, calco de tipo de interés. En galego, interese define, segundo o dicionario da Academia Galega: a actitude de ánimo de quen dirixe a súa atención ou se inclina cara a algo ou a alguén. Circunstancia ou calidade pola cal unha cousa esperta curiosidade, chama a atención ou resulta importante para algo ou alguén. Aquilo que convén ou pode beneficiar a alguén, en particular á persoa que realiza a acción.

A palabra galega para falar da cantidade de diñeiro, expresada normalmente en porcentaxe anual, que produce un capital prestado, falamos de tipo de xuro. “O gran negocio da banca após a crise é comprar o diñeiro a xuro cero no Banco Central Europeo e emprestárllelo logo a un tipo do 1,5% aos Estados da UE”.

Xuro tamén define a cantidade de diñeiro que rende un capital. Neste caso úsase normalmente o substantivo en plural. “Cos xuros que lle rende a herdanza da avoa gaña un salario mensual ben xeitoso”.

Nese caso tamén podemos usar as palabras rédito e beneficio. O verbo que define o crecemento do capital é render mais tamén rentuar. Esta palabra, moi viva na fala popular, non aparece no dicionario da RAG mais si noutros, caso do Estraviz. “Non paga a pena ter o diñeiro no banco, vendo o que rentúa”.

No VOLG (que define o léxico admitido na lingua estándar) advírtese de que o verbo ingresar non se pode utilizar co significado de engadir diñeiro a unha conta bancaria. Como substituto recomenda depositar. Mais na meirande parte dos dicionarios si aparece ingresar no contexto bancario polo que podemos considerar tal verbo como plenamente correcto.

Tampouco aparece tanto no VOLG coma no dicionario da RAG a palabra libreta, polo que deberiamos mudar o nome de libreta de aforro. Mais o feito de existir livreta en portugués fainos propoñer que se inclúa como forma correcta en galego xunto a caderno ou caderneta. “Era habitual que os padriños lles abrisen aos afillados logo do bautismo unha libreta (ou caderno ou caderneta) na caixa para que fosen aforrando. A maioría desas contas quedaban comestas por mor das comisións que cobraban os bancos, esquecidas polos seus beneficiarios”.

Só por recordar outras palabras galegas da lingua bancaria, diremos investir e investidor no canto de invertir e inversor; renda no canto de renta e rendible no canto de rentable.

Armario con chave

Remato a serie sobre o castelanismo taquilla reparando no seu uso cando significa moble vertical para gardar cousas en lugares públicos como ximnasios, colexios… ou caixa pechada con chave, especialmente usada en supermercados e lugares de traballo. En realidade, este significado é o primeiro que houbo en castelán. Unha taquilla non é máis ca unha taca pequena. E unha taca vén sendo unha lacena ou un armario pequeno.

Así que o galego ben pode usar ambas palabras para definir este significado de taquilla. “Gardei a carteira e o móbil nun armario nas piscinas” ou “Pedín a chave das lacenas do traballo”. Tanto a lacena coma o armario son palabras que poden estender o seu campo léxico.

Para evitarmos confusións, en caso de se necesitar, podemos engadir “con chave”. “Nas nosas instalacións no Ximnasio Cachirulo temos unha sala de armarios con chave”. Xa sabedes que non son moi partidario destas locucións pero até as opcións menos eficaces poden servir no contexto expresivo correcto.

E acabo cunha promesa: no próximo post non falaremos de taquillas. Iso si, pídovos resposta para encontrar un vocábulo substituto do castelán taquillazo. Que se vos ocorre?

Taquilleira

Na TVG tivo en tempos o seu momento de gloria este castrapismo. Igual que taquilla é castelanismo, este adxectivo moderno debe ser corrixido en galego. Aquí a normativa propón desas solucións fracasadas das que falabamos no post sobre taquilla: con grande éxito de recadación. Todo porque o galego tampouco admite o adxectivo exitoso, outro castelanismo moi estendido.

O lingüista Benigno Fernández Salgado propón o adxectivo billeteiro como alternativa. Paréceme moi oportuna a súa suxestión. Engarza a tradición galega coa portuguesa e non deixa de facer referencia aos billetes no sentido duplo de entradas de cinema e diñeiro. “Se Matalobos fose levada ao cinema, seguro que era un filme ben billeteiro”.

Cando falemos de taquilla como sinónimo de recadación si é importante utilizar formas relacionadas co diñeiro máis que co lugar onde se venden as entradas (quedamos que o mellor substantivo para esa función é portelo –ou billeteira, seguindo o razoamento de Brath). Hai moitas maneiras populares de facelo. “O filme Vilamor triunfou nas salas; Enrugas logrou unha importante recadación; Cela 211 foi triunfadora en billetes e en crítica”

Taquilla

Este castelanismo é polisémico e está completamente absorbido pola seiva da fala viva do galego. É deses termos resistentes á normalización porque a normativa galega non soubo dar unha alternativa que compita coas posibilidades de economía lingüística que a palabra castelá. Iniciamos hoxe unha serie para intentar adaptar á nosa lingua os usos deste estranxeirismo.

Por exemplo, para o significado de local de venda de entradas para espectáculos, a lingua estándar propón locucións como despacho de billetes, despacho de venda ou portelo de entradas. Demostrado está que as locucións substitutivas fracasan. Só hai que ver o éxito doutras propostas como salón de peiteado ou cadeira de brazos.

En portugués usan bilheteira, opción que podería ser interesante adaptar ao galego se non fose que a palabra bilhete en galego e en castelán non significan o mesmo para o groso dos falantes. Si é recomendable no caso do despacho de billetes para medios de locomoción. “Na estación de Arbo non hai billeteira”.

Propoño que neste caso se promova a palabra portelo, así sen engadidos. Non hai que esquecer que taquilla provén do persa taq (introducido no castelán polos árabes), que significa fiestra. Unha taquilla non é máis ca unha xanela pequena, o mesmo ca un portelo. “Se compras as entradas de cinema pola internet, saen máis caras que no portelo”.

Navegación de artigos