Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “te”

Os pronomes e o complemento indirecto

Na lingua galega o complemento (ou obxecto) indirecto sempre se introduce co seu correspondente pronome. É unha característica moi viva da nosa fala que debemos manter a pesar de que ser unha construción sintáctica diferente ás linguas próximas. Polo tanto diremos: “Estoulles buscando audios aos meus pacientes” ou “Estou buscándolles audios aos meus pacientes” e non “Estou buscando audios aos meus pacientes”.

Os pronomes de complemento indirecto son me, che, lle, nos, “vos e lles. Cada un deles ten relación cunha persoa verbal. O único que presenta dificultades, tanto na fala coma na escrita, é, loxicamente, o máis distante á primeira persoa, os pronomes de terceira persoa. É habitual utilizar ese “lle” non como un pronome senón case coma unha partícula estática. É cada vez máis corrente ver o seu uso como un elemento fixo na frase. “Cominlle toda a vantaxe aos meus rivais”. “Descontáronlle o 30% por seren médicas”. É posible que a confusión se dea cando na frase o obxecto directo é singular. Mais hai que recordar que o pronome combina en persoa e número co obxecto indirecto. Polo tanto, nestes casos son “os meus rivais” e “as médicas” o obxecto indirecto, a parte da frase sobre a que recae a acción do verbo: “Cominlles toda a vantaxe aos meus rivais”. “Descontáronlles o 30% por seren médicas”.

Cando combinamos un pronome de obxecto indirecto con un de obxecto directo (o, a, os e as), debemos contraelo. Con lle obteremos: llo, lla, llos e llas. Con lles: llelo, llela, llelos, llelas. “Envéxolle o coche a teu pai”, “Víchesllo?”. “Déronlles a subvención ás apicultoras?” “Déronllela”. “Os servos non só lles criaban os porcos aos frades senón que tamén llelos sacrificaban e salgaban”.

Hai un tipo de pronome de obxecto indirecto que opera igual mais que non ten esa función na frase. É o pronome de interese e funciona para expresar a persoa subxectivamente afectada pola acción verbal. Debemos utilizalo porque tamén é un dos trazos idiomáticos propios do galego: “Choveunos a tarde toda”. Neste caso quen expresa a frase non se refire a que choveu por el e os demais senón que procura demostrar a súa afectación pola chuvia. A nivel gramatical se a frase fose: “Choveu a tarde toda” non habería cambios mais si muda o significado expresivo.

Outro pronome que pode confundirse con un de obxecto indirecto é o pronome de solidariedade. Este pronome, xenuinamente galego, é unha falsa forma de obxecto indirecto que implica afectivamente o noso interlocutor na acción do verbo: “A presidenta non lles é nada parva”.  “Funvos correndo para nada”. Nestas frases, igual que sucede co pronome de interese, a función gramatical é prescindible aínda que o seu uso marca a expresividade do que se di.

Os pronomes de interese e solidariedade pode ir xuntos na mesma frase. “O gato cómechenos ben pouco!”

O pronome de segunda persoa, che, cada vez presenta máis dificultades por ser propio do galego e non existir en castelán nin en portugués. Por falta de oído pódese acabar usando un te como pronome de obxecto indirecto. Hai dous trucos que nos axudan a saber se debemos usar te ou che nunha frase.

Tomemos esta frase: Prestouche a empanada ou Prestoute a empanada?

Poñamos a frase en terceira persoa: Prestoulle a empanada ou Prestouna a empanada? Prestouche e prestoulle, claro xa que a acción do verbo recae sobre ti e non sobre a empanada

Nas frases que teñen obxecto directo podemos convertelo en suxeito paciente e introducir o verbo en pasiva: “O neno bícate” pode converterse sen problema en “Ti es bicado polo neno” mais non podes dicir “A empanada foi prestada por ti”.

De todos os xeitos, na maior parte de dicionarios e gramáticas é posible coñecer se un verbo é transitivo ou intransitivo, é dicir, se pode ou non combinar cun obxecto directo. Prestar, por exemplo, con ese significado da frase anterior, é intransitivo. Outros verbos intransitivos son faltar: “Faltouche, faltoulle ao respecto”; vir: “Veuche, veulle o sono” ou morrer, entre outros moitos. “Mórrenche, mórrenlle todas as plantas”.

 

 

Navegación de artigos