Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “tosco”

Tosco

Recoñezo que coidaba que esta palabra era correcta en galego. Foi durante o traballo de documentación do artigo sobre zafio que me decatei de que tamén este adxectivo é impropio na nosa lingua.

Este castelanismo pódese traducir segundo o seu significado. No caso en que defina algunha cousa sen puír ou traballar, o substituto perfecto é basto aínda que podemos empregar a locución en bruto. Se queremos falar dunha persoa con modos bravos ou sen cultura, optaremos por groseiro, vulgar, ordinario…

O portugués si que admite a palabra aínda que é posible que pertenza a ese grupo de estranxeirismos casteláns importados na Idade Moderna. No galego medieval só encontrei unha referencia, un alcume: No 1458 un documento notarial cita a Xohán de Camba, o Tosco.

A orixe de tosco-a hai que buscala na Roma antiga. O barrio etrusco, coñecido como Vicus Toscus, tiña fama de acoller na veciñanza habitantes marxinais. Desa rivalidade entre romanos e etruscos acabou considerándose tosco como sinónimo de groseiro.

Navegación de artigos