Buhardilla, trasteiro, tragaluz, ático
A linguaxe inmobiliaria moderna, no seu afán de vender, desterrou unha palabra moi (e mal) usada no castelán desde o século XIX: buhardilla. Utilizada para definir o espazo inmediatamente inferior ao tellado nunha casa ou edificio, en realidade, unha buhardilla, segundo o RAE, é o burato ou xanela que se abre nun tellado para darlle luz ao faiado. Quizais por non falar en tempos de faiados (desván, en castelán) onde se supuña que debía vivir xente, os axentes inmobiliarios daquelas optaron por tomar o símbolo da luz como nome para designar ese espazo até entón destinado a almacenar o que sobraba nas zonas nobres da casa.
Co tempo, buhardilla foi perdendo prestixio na linguaxe e entón inventouse iso de ático abuhardillado. Nos tempos da burbulla inmobiliaria, xa calquera buhardilla pasaba por ático nas revistas de compra-venda de pisos.
Até agora usamos as palabras castelás para estes elementos, infelizmente moi utilizados no galego oral. Debemos substituír esas palabras polas formas galegas, que son moitas.
Bufarda é o equivalente a buhardilla co significado canónico. Define esa abertura, aberta ou pechada con cristal, feita no tellado para alumar o faiado ou faio. Amais de bufarda podemos usar bufardo, bufarra, bufarro, mainel, fachal, fachinelo, biolo, claraboia e lumieira.
Ollo con tragaluz, que é un castelanismo. Debemos substituílo por bufarda ou calquera dos sinónimos dos que falamos anteriormente.
E daquela, como lle chamamos ao espazo que aluma a bufarda? O habitual é chamarlle faio ou faiado. Na Xunta de Galicia puxérase de moda hai anos chamarlle rocho porque traducían trastero –trasteiro é un pseudogaleguismo. O rocho defínese máis polo seu uso que pola súa situación xa que é a estancia dedicada a gardar os trastes. Tanto pode estar no alto da vivenda coma no baixo. O faiado, en troques, define a planta inmediatamente inferior ao tellado.
Tamén podemos usar ático. Aínda que a palabra gañou prestixio social (que llo pregunten ao presidente da Comunidad de Madrid, Ignacio González), en realidade o ático define unicamente a planta dedicada a vivenda que se constrúe xusto debaixo do tellado e que, polo tanto, ten o teito máis baixo. Cando alguén presuma de que vive nun ático, sería bo lembrar que posiblemente teña que andar anicado o tempo todo para non bater nos linteis das portas.