Tunesinas e tunisianas
Os xentilicios son fonte enorme de confusión. Nos xornais aparecen moitas veces confundidos incluso cando as diferenzas indican precisión. Por exemplo, un paulista non é o mesmo ca un paulistano. Paulista define o orixinario de calquera lugar do estado federado brasileiro de São Paulo e paulistano unicamente os veciños da propia cidade de São Paulo. Como di o outro, todos os paulistanos son paulistas pero non ao contrario.
A mesma idea é a da dicotomía entre tunesina e tunisiana. Mais cun engadido. Tunesinas son quen viven en Tunes, cidade do norte de África onde antano estivo Cartago, capital dun país chamado Tunisia. Quen vive en Tunisia recibe o xentilicio de tunisiana. Como en castelán o país e a cidade reciben o mesmo nome, o xentilicio é o mesmo. Esa confusión resólvese facilmente en galego se pensamos que unha cousa é a capital e outra o nome do país enteiro.