Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “tupperware”

Tupperware

Que cousas che ten a vida. Agora que a marca Tupperware perdeu a meirande parte da súa cota de mercado, acosado pola competencia (en especial os plásticos que venden os bazares chineses), o seu nome comercial aséntase na lingua común.

Hai anos vimos como nacía o derivado tuppersex, que aproveitaba o sistema de venda da marca de plásticos para a cociña (produtos de venda a través de demostracións para grupos domésticos, case sempre compostos por mulleres) e certa semellanza nos materiais empregados, para difundir obxectos eróticos destinados ao público feminino até entón case clandestinos en sórdidas sex shops. O vibrador converteuse nun utensilio máis da casa, sobre todo logo de que sacasen modelos que se podían meter na lavalouza.

Meses atrás asistimos á guerra do Tupper, conflito plástico entre pais e autoridades educativas en varios lugares a conta do aumento de prezo nos comedores escolares e a taxa por uso das instalacións para as comidas que os cativos levaban na casa en friameiras ou tuppers.

Considero que a Academia debería adoptar esta palabra e adaptala á fonética galega promovendo o uso de táper/táperes para definir os recipientes de plástico dotados de tapa de selado hermético cuxo principal uso é gardar alimentos, tanto crus coma cociñados.

A historia das marcas comerciais cuxos nomes lograron ficar na lingua común é longa. Algunhas xa quedaron obsoletas, caso de chamarlle filomatic a calquera máquina de barbear de coitelas. Outras só triunfaron a medias, como o papel albal ou o pan bimbo, que aínda que de amplo uso compiten coas formas non comerciais. Poucas son as que lograron o éxito de uralita, palabra que incluso vén no dicionario da RAG e que non se pode substituír por outro termo.

Non son Galiza e España os únicos lugares onde se dá este fenómeno. No Brasil, unha xerox é unha fotocopia e unha gillette o que para meus avós era unha filomátic.

Navegación de artigos