Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “vén”

Ven, vén e ven

Polo xeral, as palabras homógrafas que se diferencian por acento diacrítico non dan moito a guerra. Como regra xeral, acentúase aquela forma que leva a vogal aberta na lingua estándar. Os significados adoitan ser distantes e apenas hai confusión. Cómpre e compre; da e dá; pé e pe…

Mais noutros casos, a diferenciación é algo máis complicada e pódense dar confusións. Ultimamente estou vendo moitos erros na palabra que hoxe comentamos. Cando se acentúa ven?

Ven aparece no galego en dous contextos. É a forma da terceira persoa do plural do presente de indicativo do verbo ver: “Elas ven o solpor cada noite a través da ventanaxe do salón”. Tamén é a segunda persoa do singular do imperativo do verbo vir: “Ven, ven, que non sabes que sorpresa está a esperar por ti”.

A forma acentuada vén úsase co verbo vir, concretamente na terceira persoa do singular do presente de indicativo: “Agora non mires mais o teu ex mozo vén camiñando xusto por detrás de nós”.

Cando teñamos dúbida, é un bo xeito de non confundirse reparar un segundo no valor do ven/vén na frase. Pensemos na seguinte: “Vén para aquí” non é a mesma cousa ca “Ven para aquí”.

Navegación de artigos