Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “xanela”

Ventanilla

A pesar de que case todos os galegofalantes consideran que a palabra ventanilla é un castelanismo, o seu uso está fortemente instalado en dous espazos nos que o idioma galego segue marxinado: o trato coa administración pública e o automóbil.

Na lingua burocrática, malia os anos de autonomía, segue a primar o uso do castelán. Primeiro porque a maioría das Administracións coas que lidamos diariamente están nas mans do Estado: Facenda, Xustiza, Policía… e logo porque incluso naqueles departamentos dependentes das institucións propias de Galicia, o uso de galego por parte dos funcionarios non é obrigatorio, polo que, na práctica, a pesar do compromiso persoal de moitos deles, acaba por impoñerse un uso xeral do castelán.

Cando falamos da ventanilla da Administración debemos substituír ese termo por portelo. Un portelo era tradicionalmente unha abertura que se abría nalgunha superficie como respiradoiro ou medio para alimentar ou saíren os animais. Hoxe en día, a norma recolle a súa definición como pequeno burato destinado á atención ao público: nas billeteiras, nos bancos (os de antes, agora xa non hai caixas con vidro blindado) e por suposto, nas instancias públicas. A palabra vai soando grazas a que a Xunta xa hai tempo que impulsa o denominado Portelo Único, un xeito telemático de interacción coa Administración.

Cando nos refiramos a ventanilla como elemento do automóbil, usaremos xanela ou ventá. “Deixa as xanelas de atrás abertas para que refresque”. Loxicamente tamén luna é un castelanismo innecesario. Segundo o uso, falaremos de xanela, trinque ou espello de cristal ou vidro.

O campo léxico do automóbil tamén está practicamente dominado polo castelán. Xa falei neste espazo de lamia, forma propia para o castelanismo llanta. Unha vez nun taller ocorréuseme dicirlle ao técnico de pneumáticos que tivese conta con raiar as lamias, que a miña muller logo me berraba ao chegar á casa. O rapaz, galegofalante, miroume estrañado. “Lamias? De que me falas?” Cando llo expliquei, a vergoña papeina eu, sentinme coma un snob. El sorriu e só me dixo: “Pensei que me falabas das lesmas”.

No uso do galego no mundo do automóbil, igual que sucede noutros moitos, hai que buscar un equilibrio entre a necesaria corrección, que ademais cómpre espallala, coa necesidade que temos de usar as palabras para a comunicación. Noutras nacións, ese labor de normalización cúmpreno as autoridades políticas. Aquí o labor queda nas mans dos falantes, coma se fósemos misioneiros.

Navegación de artigos