Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “xeo”

Xeo ou xelo?

Hoxe lin a enésima queixa (desta volta na prensa, co carimbo de columna de opinión) sobre os malvados camareiros que traducen as comandas cando llas comunican en galego. Hai uns días era un humorista gráfico quen aludía a esta praga que asola as terrazas e as barras: o camareiro tradutor, principal inimigo do galego normativo, especialmente cruel no seu desprezo a palabras como morno e xeo.

Aínda que tal lectura me vale para reflexionar sobre o neoloxismo en galego xeo, aproveito para indicar que me parece un absurdo clasista enfocar nos coitados traballadores da hostalaría a saúde do prestixio social do galego. Nunca vexo queixas, nas redes sociais ou na propia prensa, sobre eses notarios que che din que se queres un documento que vas pagar ti en galego tes que levalo ti a traducir ou algún comentario sobre os médicos de cabeceira que se negan a falarche en galego malia che asistir o teu dereito a ser atendido na túa propia lingua.

Entra dentro da lóxica clasista de determinados galegofalantes “normativos”: os camareiros son subalternos e cara a eles é doado elevar a queixa. Persoalmente, coñezo persoas que se esforzan en evitar castelanismos e outros elementos da lingua galega informal xusto cando conviven con empregadas da sección de chacinaría do supermercado ou nalgunha reunión familiar, xusto cando hai moitos parentes que non foron escolarizados en galego e que, polo tanto, só teñen acceso a un rexistro da súa lingua, por moito que ese sexa o seu idioma materno.

Malia os case 40 anos de autonomía, a alfabetización en galego é deficiente. Non existe unha conciencia de respecto polo idioma e a propia dinámica social e legal marca ben o seu papel secundario na sociedade galega: o castelán é unha lingua de primeira, a lingua que se debe coñecer; o galego é unha lingua tolerada que se pode coñecer. Non é segredo ningún que á xente non lle dá vergoña escribir en galego con faltas de ortografía pese a teren cursado estudos dese idioma durante toda a súa vida escolar. Podemos ver escritores con máis de dez libros publicados que descoñecen formas básicas da gramática ou do léxico galego. Por que, daquela, hai que chuzar nos camareiros e non nos escritores? A resposta é simple: o que lles molesta non é que o camareiro descoñeza que significa morno ou que necesite traducilo para mellor memorizalo e executar a comanda, o que realmente molesta é que alguén inferior socialmente se atreva a non aceptar as nosas ordes sen chistar, a rachar esa pequena burbulla de prestixio social cando pedimos un café con xeo ou con leite ou morno ou tépedo.

O caso é que, ademais, e por iso escribo esta entrada no blog, é que xeo é unha palabra inventada no galego contemporáneo. Aparece por primeira vez no 1985, nun Glosario de Voces Galegas que recompilou o catedrático Constantino García.

Hoxe en día, é certo, esta é a única forma que admite a RAG, malia que o propio García incluía naquel glosario a forma histórica xelo, a que está presente en practicamente todos os nosos dicionarios históricos, incluído o Eladio, e a forma que aparece no Estraviz, o dicionario máis importante da nosa historia e referencia principal de calquera que queira ter un coñecemento real do alcance do idioma galego.

A cuestión principal é que a palabra galega xelo foi substituída polo castelanismo hielo en case todos os contextos orais. Por que? A resposta é doada. O xelo como elemento cotián até hai moi pouco nada tiña a ver cos cubos que se fabrican nos conxeladores das casas ou se compran, principalmente nas gasolineiras. As pedras de xelo que se conservaban nos neveiros ou neveiras nada tiñan a ver para o galego con este novo produto, de aí a diferenza entre xelo, xeada, lazo e hielo. Igual que para unha persoa maior de 55 anos non hai confusión posible entre unha vasoira e unha escoba por moito que teimemos en convencela, tampouco van dar creto que esas pedriñas son, xa non só de xelo, que aínda lles pode soar, senón de xeo. Infelizmente, como diciamos, a alfabetización escolar e a existencia de medios de comunicación audiovisuais non remediou, agás nos rexistros formais, ningunha substitución léxica.

Si é correcta a forma xeado (non xelado), referida ao doce que se prepara engadindo xelo á froita ou a unha materia graxa emulsionada.

A forma que debera recomendarse e que está aínda viva na fala común é xelo, nunca xeo, que é en puridade un neoloxismo, con certo éxito recente entre as castes galegofalantes con estudos superiores que toman café en público e se queixan do pouco galego que saben os camareiros.

Navegación de artigos