Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “zafio”

Zafio

Este adxectivo define unha persoa groseira ou ruda nos seus modais. O galego non o recolle por consideralo castelanismo.

Zafio-a é unha desas palabras que no noso vocabulario proceden do pouso da discriminación social. Case todas as hipóteses etimolóxicas sobre este adxectivo indican que procede do árabe hispánico fallah safi, nome daqueles labregos con menos terras, en moitos casos xornaleiros. Coa conquista de Al-Andalus, a palabra pasou ao castelán como sinónimo do máis baixo, do oposto ao suposto refinamento dos cristiáns conquistadores. Esta analoxía de labrego como incivilizado é común noutros moitos nomes –tanto do castelán coma do galego–, como gañán, buen juan, rústico… Clasismo lingüístico que ten moito a ver co abandono cultural no que se deixou o medio rural, na clásica culpabilización da vítima, neste caso dos agricultores sen acceso aos estudos dos que se burlan os letrados, con especial virulencia escritores, clérigos e funcionarios públicos, como se pode comprobar na lectura dos autores españois dos séculos de Ouro.

Para substituír zafio, en galego podemos empregar os xerais groseiro ou rudo. Tamén ordinario, vulgar, basto, inculto, bárbaro e incivilizado, entre outras opcións.

Navegación de artigos