Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “zúric”

Topónimos do estranxeiro

No traballo xornalístico en galego, a toponimia ten máis importancia da que se pensa. É Nova York, Nova Iorque ou New York? Dicimos Kenia ou Quenia? Pakistán ou Paquistán?

Segundo a teoría filolóxica, o galego admite que escribamos “á galega” os nomes de lugar estranxeiro ou ben que respectemos o topónimo na lingua orixinal. É dicir, poderemos escribir Lión en troques de Lyon ou manter inalterado o nome da cidade francesa.
Se seguimos a liña da tradución ao galego teremos que dicir Badaxoz, Baraxas, Xibraltar, Tánxer, Xénova, Ancara, Toquio, Os Ánxeles… Tamén Río de Xaneiro, Reiquiavik, Gotemburgo, Bruxas ou Catar.

A min esta solución paréceme curta de miras e un tanto antiga. Primeiro porque non me gusta impoñerlles grafías aos outros cando non quero que o fagan cos topónimos galegos. Barajas é Barajas; Baraxas é un invento, polo que case mellor sería chamarlle Baraghas, se o problema é o j.

Segundo, porque os galegos saben pronunciar grafías do exterior sen precisar cambiar a ortografía dun topónimo. Lyon presenta algunha dúbida? Ou Qatar?

E por último, que facemos con topónimos como Las Vegas? Dicimos As Vegas, As Veigas? E con Texas? Tellas?

Do meu punto de vista, cómpre respectar ao máximo a grafía orixinal e só facer adaptacións nos casos nos que a historia das relacións internacionais de Galicia mudara o uso cotián deses nomes. Por exemplo, a cidade belga de Brugge non ten por que traducirse como Bruxas, tradución literal da forma castelá Brujas, que si ten sentido porque Flandres foi parte do Imperio español hai 500 anos. Igual caso é o de Den Haag, nos Países Baixos, traducido a un A Haia, calco do español La Haya. Podemos estender o concepto a Mainz (Maguncia, en español), Trier (Tréveris en castelán) ou Belgrado (o nome máis acaído en galego sería Beogrado).

Isto non significa que non se poidan traducir aqueles topónimos con maior relación connosco. Hainos obvios, caso de Xenebra, Xénova (cidade coa que Galicia ten comercio desde o século XIV), A Habana, Bos Aires, Múnic, Veneza, Zúric, Colonia, Milán, Bruxelas ou Lausana. Pero tamén cidades que teñen un nome galego propio diferenciado: Guipúscoa, Biscaia, Alacante, Moscova, Beixing, Istambul ou os máis “exóticos” Antuerpe (Amberes en castelán), Capetón (Ciudad del Cabo/Capetown) e Londón, topónimos vivos na fala mariñeira, realmente a nosa meirande armada e diplomacia universais.

Unha terceira forma é a das cidades cun Nova (New) diante. Para manter a tradición prefiro Nova York, Nova Orleáns ou Nova Caledonia.

Para os demais casos, non doe usar o topónimo orixinal coas licenzas ortográficas oportunas nos casos de linguas grafadas con alfabetos distintos ao latino: Tesalónica e non Salónica, Xanghai e non Shanghai… Pero por que non Torino, Castelló, Maó, Eivissa, Brasília…

Que opinión tendes vós?

Navegación de artigos