Dúbidas do galego

Morriña

Pregúntome por que desde hai un tempo varios conceptos están a mudar o seu nesgo valorativo. Anteriormente referinme á frase feita “mover os marcos” e hoxe quero facelo co termo morriña.

A conta de que desde diferentes eidos se intenta resignificar esta palabra para darlle un ton positivo. Este intento, que non pasa por ser un recurso comercial, evidencia, por desgraza, que os seus promotores non son galegofalantes, non reflexionaron nin se interesaron polo real significado dos lemas que escollen. Son publicistas casteláns que usan o galego coma unha lingua morta, como un elemento folclórico que se pode utilizar para nomear produtos e experiencias. Igual que os estadounidenses reducen as culturas orixinarias cando escollen bautizar como tomahawk un dos seus mísiles, a cultura dominante condena os galegos a ter que tragar como positivos conceptos que sempre foron considerados negativos.

Morriña é unha palabra que para o castelán pode ter sensacións positivas. As sensacións positivas de quen nos observa desde fóra e desfruta encaixonándonos en categorías que lles son atractivas: a cultura galega, para este pensamento colonial, é triste, chorona, sentimental, neboenta e pechada. Estes cualificativos pódenselle aplicar ao outro, mais os galegos non podemos caer nesa cilada, a non ser que o fixésemos mediante un proceso de reapropiación de significados, algo para o que non temos capacidade porque aínda non manexamos autonomamente a linguaxe no espazo público.

Ben ao contrario, os que manexan o espazo lingüístico público son os de sempre, e de aí que se poida utilizar morriña cun nesgo positivo. Ningún destes publicistas se molestou en buscar a definición da palabra. Non é cousa de aborrecer, polo que só cómpre analizar a entrada morriña no mellor dicionario galego actual, o Estraviz. Transcribo o texto á norma RAG:

(1) Saudade forte e melancólica, nostalxia, tristeza, sobre todo a causada por estar lonxe da terra natal.
(2) Melancolía, nostalxia.
(3) Indisposición para axir; preguiza, prostración, falta de ánimo, de vontade.
(4) Conxunto de restos de materia orgânica, ou restos de organismo em decomposición.
(5) Sucidade por falta de aseo.
(6) Fedor, cheiro desagradábel, repugnante.
(7) Sarna, doenza epidémica do gando ou doutros animais.
(8) En persoas, achaque, malestar ou doenza non especificada.
(9) Miseria.
(10) Insistencia.
(11) Chuvia leve, fina, especialmente aquela que dura moito tempo.

Só cunha ollada é doado discernir que o campo semántico da morriña é dos máis negativos da lingua galega. Relaciónase coa dor, coa enfermidade, coa pobreza, coa porcaría e coa tristeza. Ninguén querería entrar nun bar ou ir a un festival de música cuxo nome lle recordase a todo iso. Só a partir dun grao cero de coñecemento do galego se pode impulsar un cambio tan profundo, só nun ambiente no que a lingua galega cada vez pinta menos pode ter éxito esa atribución.

En Galicia, contra a tradición galeguista, que puxou por capacitar o idioma e facelo autónomo para chegar a todos os eidos, é dicir, recobrar a independencia cultural que o galego tivera antes da imposición castelá, sempre brillaron voces e estratexias colectivas que buscaron que o galego se conveterse non máis ca nun acento, unha especie que lle dese sabor á cultura hexemónica, a española. Eis o caso de Emilia Pardo Bazán, hoxe tan reivindicada, ou de La Voz de Galicia e Estrella Galicia, que chegou ao punto de usar a letra do Himno Galego como eslogan para vender alcol.

Nesta guerra cultural, o galeguismo segue perdendo.

Single Post Navigation

3 reflexións sobre “Morriña

  1. Concordando contigo, a cousa está ,”tan peor”, que case dou por bo que “positivicen” a lingua, mesmo matándoa. A rapazada galegofalante á que lle dou clase fala sen reparos do lunes e o jueves e do majo que é Xan ou Pericán. E revíranse se lles dis que iso non hai tanto denotaba que quen falaba, falaba castelán de fóra de Galicia, que aquí inda falando castelán diciamos riquiño, feita, xeitoso. Teñen claro que o seu vocabulario actual emprégase “de toda a vida”. Pero hai máis : cando vou ás oposicións de FQ non sei se escribir ben. Teño a sensación de que os que me xulgan poden baixar a nota por poñer varrer con v ou que lles resulta pouco rigoroso/culto/científico escorregar, porque non saben que deslizar só se deslizan as serras.
    Sei dun IES no que os reforzos de lingua fanse en 1ESO en galego e en 2 ESO en castelán. Como o profesorado ao que lle tocou pringar no sabe gallego todos son en castelán. E tumba que dálle.
    Por iso, que lle dean un toque romántico á morriña con ser outro golpe máis, igual é dos máis cariñosos. Non se consola quen non quere. 😦

  2. ola boas, alguen sabe unha frase en galego semellante a “pareja de tortolitos”, en galego, grazas

Deixar un comentario