Dúbidas do galego

Arquivo para a categoría “Lusismos”

Obrigado, obrigada

Nas últimas semanas a palabra “obrigado” como fórmula de agradecemento está a ter un protagonismo inusitado. O deputado no Congreso español polo BNG, Néstor Rego, converteu o seu uso nunha especie de bordón dialéctico que, coma unha pelota de tenis, foi rebotando entre algúns dos seus compañeiros no hemiciclo. Os socialistas Pedro Sánchez, presidente do goberno central, e Meritxell Batet, presidenta da cámara, empregárono nalgunha ocasión como xeito cortés de deferencia co pobo galego, mentres que deputados da ultradereita advertiron de que obrigado é unha palabra portuguesa, non galega. Por exemplo, o deputado de Vox Iván Espinosa de los Monteros, queixouse de que se use o “obrigado” e non as formas “grazas e graciñas”. Até que punto teñen razón Rego ou Espinosa de los Monteros?

Agora mesmo a fórmula de agradecemento case unánime na lingua viva e máis histórica do galego é “grazas” e o seu derivado “graciñas”. Grazas xa se utilizaba como fórmula de agradecemento no século XIII e está incluído na colección de voces galegas de Frei Martiño Sarmiento, no século XVIII. Mais a partir do século XX, nos dicionarios históricos xa se recollen “gracias. ” e “obrigado” como fórmulas de gratitude. Outras son “agradecido/agradecida” ou “benzón/benzóns”, coa súa variante beizón

Arestora, obrigado non aparece con ese significado no dicionario da RAG, mentres que grazas si o fai no Estraviz. Cando se asinou o Acordo Ortográfico a primeiros de século mudouse “gracias” por grazas. Conscientes os asinantes daquel acordo da dificultade de mudar unha fórmula tan arraigada entre os galegofalantes, propuñan “suavizalo” optando por “graciñas”, moi común en todos os rexistros da nosa fala e menos “estraño” ao oído. É interesante comprobar como naquel momento, mentres se incorporaban ao galego culto varias formas até ese momento consideradas mortas en galego mais moi vivas en portugués, caso de após ou porén, entre outras, non se facía mención ningunha a “obrigado”.

Foi o movemento reintegracionista, do que Néstor Rego forma parte, quen impulsou a fórmula que a maioría da cidadanía percibe como portuguesa fronte á forma máis asentada na propia Galicia. En determinados ambientes “obrigado” é de uso cotián, incluídas fórmulas cariñosas coma “obri”. Mais fóra deses círculos o dominio de “gracias” e graciñas é total. Grazas, a pesar dos anos, segue a verse como un cultismo e o seu uso, incluso entre galegofalantes conscientes e/ou escolarizados é minoritario. Polo tanto, a comunidade de fala galega terá que decidir se seguir a puxar pola restitución da forma grazas ou optar polo “obrigado” e “obrigada”. E todos debemos ser conscientes de que é moi complicado manter a comuñón entre unha comunidade de falantes e os seus líderes se estes ignoran por sistema as súas percepcións, aínda que estas non sexan exactas. Que moita xente galegofalante perciba obrigado como un lusismo talvez innecesario non é sinal de ignorancia, mais ben de lóxica atendendo á evolución e historia de ambas fórmulas na nosa lingua. E tamén é importante que esa mesma comunidade perciba que na lexítima e necesaria procura de restituír o galego xenuíno e evitar a súa perda léxica só se primen as palabras de uso frecuente en portugués. Primeiro porque o noso cadal léxico é inmenso e nin sempre coincide co portugués, cuxa historia lingüística consistiu, ademais, en “corrixir” moita da súa alma galaica co fin de lograr un rexistro estándar máis manexable desde Lisboa. É dicir, que non estaría mal que os deputados nacionalistas galegos, tal e como con obrigado, difundan en Madrid beizón, por exemplo.

Obrigado e obrigada porque, a pesar de que o propio Estraviz ignora a forma feminina, a fórmula si se modifica segundo quen agradeza sexa masculino ou feminino. En Portugal é corrente escoitar “obrigado” en bocas de mulleres mais non ocorre o mesmo no Brasil. Polo tanto, o correcto é empregar obrigado ou obrigada.

Como última curiosidade, algúns dicionarios recollen como significado de obrigado o de carniceiro. Parece ser que, por extensión, chamóuselle obrigado a aquel encargado de abastecer unha localidade de alimentos.

Loxa

A palabra loxa existe en galego. Define o lugar de xuntanza dun grupo francmasón e, por extensión, a propia reunión de masóns. Hoxe a masonaría está rodeada de mitoloxía e correron arroios de tinta sobre as súas actividades mais tradicionalmente en Galicia foi un movemento clandestino e minoritario, polo que a palabra é un cultismo que non saíu da letra escrita.

Loxa tamén define nalgúns lugares un pendello pechado para o gando e tamén un lugar destinado nas casas a despensa ou leñeira.

Esta palabra provén do francés loge (cámara, cuarto) e é posible que entrase no galego xa na Idade Media a través dos fluxos de emigración proveniente das terras francas que fundaron ou ocuparon mosteiros en todo o reino, caso de santa María de Melón, por exemplo.

Loge deu en loxe, palabra feminina que non aparece no dicionario da RAG mais si no Estraviz e no Eladio, entre outros, co significado de “tenda onde se compra as cousas correntes da vida”. Tamén se lle deu este nome ao espazo onde os mariñeiros gardaban redes e apeiros.

Vemos que a palabra loxe, mellor ca loxa, pode ser sinónimo perfecto de tenda. En calquera caso, tenda non é castelanismo e non hai por que evitar o seu uso. A palabra é latina e primeiro definiu unha construción portátil ou efémera (significado que aínda se conserva para a tenda de campaña). Como os primeiros negocios que facían venda ao detalle se colocaban en feiras, estendeuse o uso deste vocablo, xa en tempos medievais. Por exemplo, en Ourense existe unha rúa das Tendas, na que se establecían naqueles séculos negocios tan dispares como a prataría, o tallo dos carniceiros ou a venda de herbas medicinais, aproveitando o movemento de veciños ao redor da catedral.

Loxa está emparentado con lonxa. Lonxa deriva de loge tamén, a través do catalán llonja. Hoxe o galego estándar usa a palabra para definir un establecemento de compra-venda de produtos frescos, especialmente peixe.

 

Greve

Greve é en galego un lusismo que moi minoritariamente se emprega para definir a interrupción voluntaria, individual ou colectiva, de actividades ou funcións por parte de traballadores ou estudantes como forma de protesta ou de reivindicación. En galego debemos usar folga. Por que hai quen considere folga inapropiado?

Os defensores do uso do lusismo greve afirman que folga en galego ten un significado patrimonial que bate de fociños coa definición hoxe maioritaria. No propio dicionario da Academia Galega a primeira acepción da palabra folga é “situación do que non realiza ningunha actividade ou do que descansa no traballo”. Este sentido de descanso está presente tamén na segunda acepción: “descanso que se lle dá a unha terra de labor”. Cóntanse por centos as palaabras galegas con varios significados segundo o contexto. U-lo problema?

Quen se opón a usarmos folga como sinónimo de paro laboral ou reivindicativo afirma que folga, con ese sentido, é un calco do castelán huelga. Obviamente, a influencia do castelán sobre os usos do galego é poderosa pero hai que lembrar que huelga, tamén en castelán, define principalmente un período de descanso.

Greve é, en portugués, un galicismo, que triunfou fronte á palabra máis “autóctona” parede, que aínda hoxe aparece nos dicionarios de Portugal co significado de acordo de traballadores para interromper a xornada laboral. Folga, principalmente no portugués do Brasil, aumenta o seu campo semántico e alén de descanso é sinónimo de falta de vergoña.

Como anécdota ao redor do termo huelga, lembro cando un locutor da Radio Galega, nun afán deturpador da toponimia castelá lle chamou ao mosteiro de Las Huelgas, en Burgos, As Folgas. En realidade, ese huelga castelán nada ten a ver co outro. Procede do prerrománico olga, palabra que en galego aparece en varios dicionarios (no Estraviz e o Eladio, principalmente) co significado de leira ou porción de terra boa para sementar. Así que se sodes dos de cambiar os topónimos españois, cando vexades Huelga utilizade mellor Olga.

Sotaque

A palabra sotaque non está admitida na normativa oficial do galego. Considérase un lusismo innecesario e inexistente na lingua viva de Galicia. Para definir o conxunto de características peculiares da pronunciación propia dos habitantes dun determinado país ou lugar, a RAG recomenda empregar acento.

É claro que a palabra sotaque non aparece historicamente no galego e cando aparece faino como deformación de socato (como sinónimo da expresión de súpeto: “De sotaque puxéronse a ladrar os cans sen eu oír ningún ruído”). Mais tendo en conta que a normativa é algo rañetas coa palabra, xa que acento tamén define a maior intensidade de voz con que se pronuncia unha sílaba dunha palabra e tamén o signo de ortografía que pode ter diferentes formas e se coloca enriba dalgunhas vogais marcando o acento de intensidade e algunhas veces o timbre aberto ou pechado, segundo unhas determinadas regras, coido que non lle viría mal algún sinónimo.

A palabra sotaque é de orixe descoñecida. Amais de no portugués, no galego literario é unha palabra usada acotío e cun significado xa familiar para os galegofalantes. Eu recomendo usala como sinónimo subordinado ao máis común e xeral acento.

Hedionda

É este un adxectivo que seguro que aparece na saga de Canción de xeo e lume, de George R. R. Martin. Eu recoñezo que nin lin nin penso eses libros pero si sigo con degoiro a versión televisiva e talvez xa aparecera nalgunha secuencia.

O caso é que hedionda é unha palabra que me serve para subliñar que entre portugués e galego pode darse o famoso fenómeno dos falsos amigos lingüísticos. Explícome: hediondo úsase en portugués. Significa repugnante, moi feo, sórdido, noxento. Que exista en portugués deulle pé a un amigo meu a pensar que en galego tamén é correcto. Pois non.

Hediondo chegou ao portugués desde o castelán. Hai que lembrar que alén das obvias influencias culturais desde a Idade Media entre territorios colindantes, o reino do sur estivo controlado directamente polo Imperio español desde finais do século XVI até mediados do século XVII, anos cruciais na fixación da cultura escrita. De seguro foi nese período cando o castelán hediondo, que significa, na súa primeira acepción, que despide mal olor, se coou na lingua portuguesa seguramente por mor dos seus outros significados: sucio, obsceno, molesto…

O galego non precisa da palabra hedionda. A orixe etimolóxica do adxectivo é o latín foetibundus/da, é dicir, en galego da rúa: fedorenta. Recordemos que fedor é unha palabra desas que teñen un significado ben diáfano e non fai falta dicir que algo é moi fedorento. Ben, si hai unha excepción. Se nos referimos á Celulosa de Pontevedra podemos poñerlle os moi e máis que queiramos, a ver se a tiran de alí.

Navegación de artigos