Dúbidas do galego

O dicionario castelán-galego de Rinoceronte

É xa un tópico dicir que Galicia é un país pequeno, atrasado nalgunhas cousas e cunha política cultural deficiente. É certo e sobran argumentos para demostralo.

Mais tamén Galicia ten unha gran capacidade para desenvolver proxectos, pequenos, imaxinativos, diversos, nacidos da iniciativa particular ou da empresa privada, que suplen esas carencias que non queren cubrir as institucións públicas que, en teoría, deberían levalas a cabo.

De aí que sexa unha gran noticia a publicación do dicionario castelán-galego en liña que desenvolveu o grupo editorial Rinoceronte.

Nas poucas semanas que leva operativo, eu mesmo, que me dedico ao xornalismo e á edición, utiliceino, polo pouco, un cento de veces. Quixen aproveitar esta necesidade profesional para probar a ferramenta, espremela, ver até onde dá. E logo vírvolo contar aquí, xa que coido que a aparición deste dicionario é, sen lugar a dúbidas, un dos grandes avances do último lustro para as persoas interesadas en resolveren as súas dúbidas a respecto da lingua galega e mellorar a súa expresión.

O dicionario é moi completo. Apenas me encontrei con termos que non recolla e as súas definicións son de gran calidade. Tendo en conta que o dicionario aínda está nas primeiras semanas de vida, é de supoñer que no futuro terá maior riqueza, o que augura un nivel de precisión e de recursos notable.

Rinoceronte é unha editorial centrada, principalmente, na tradución ao galego. O seu director, Moisés Barcia, ten dito que o dicionario naceu da necesidade que o persoal tradutor tiña de acceder ás formas correctas en galego, especialmente daqueles conceptos que están máis estendidos (case interiorizados) en castelán. Polo tanto, a xenerosidade do grupo editorial é dobre: á parte de permitir a consulta gratuíta, pública e universal do valor engadido durante estes anos, desenvolveu unha ferramenta actual, fácil de usar, robusta e rápida mercé aos seus propios recursos, sen ningún apoio institucional ou patrocinio cultural.

Só me queda recomendarvos que o usedes. Eu mesmo descubrín grazas a el que moitos conceptos que achaba propios, en realidade son estranxeirismos. Por suposto que nalgúns casos podo estar disconforme ao prescribir determinados usos, mais iso non depende deste dicionario, que se cinxe escrupulosamente á normativa do galego e ás decisións autorizadas sobre o vocabulario do idioma galego.

Adiántovos que no futuro, moitos dos textos que vaia incorporando a este blog han ter como base de referencia ou apoio este novo dicionario.

Single Post Navigation

7 reflexións sobre “O dicionario castelán-galego de Rinoceronte

  1. Das mellores cousas que pasaron o mundo da língua galega ultimamente. Useino xa un monte de veces 😁😁

  2. No artigo sobre a aparición do dicionario castelán-galego figura un erro: a 3 persoa de sing. Do Presente de Indicativo do vbo. “cinguir” é CINGUE e non * cinxe.

  3. Richard Aerts o dixo:

    Boa noite a vostede, e Deus llo pague por este espazo que mantén constantemente actualizado. É, certamente, unha ferramenta abondo útil cando xorden dúbidas de tódalas clases co relación ao bo uso do idioma de Rosalía. (Chámoa así porque inda nos expresamos na mesma lingua: seméllame falaz o argumento de que a mudamos de xeito radical a cada ano, coma alegan aqueles que, nos seus trece, recúsanse a falala “porque siempre cambian su normativa”.) Máis dunha vez, eis que me atopei a le-los seus artigos, pois aló fora conducido polos servidores de busca da Rede. E sempre acabei satisfeitísimo!

    No que concirne á obra amentada, non a consulto decotío; normalmente procuro os significados dunha palabra no dicionario da RAG (en liña) ou no meu bo e vello Gran Dicionario Xerais da Lingua, aquele libriño ben groso coa cuberta de cor laranxa que tantos galegos coñecen e que é un dos mellores. Durante moito tempo estivo lonxe do meu alcance, e agora que o teño estou no quinto ceo. Sonlle obras lexicográficas monolingües, mais cando non teño a certeza de que algo debe ser dito desta maneira ou destoutra en galego e sei coma se a di en castelá, e logo que vou consulta-la no dicionario castelán-galego de Rinoceronte editora. Os xiros idiomáticos encóntranse magnificamente vertidos ao galego, sen barbarismos demasiado evidentes ou expresións idiomáticas traducidas sen creatividade, son a miúdo casemente tan bos coma as suxestións do Dicionario Fraseolóxico Século 21 Castelán/Galego, cuxa publicación é debida ás edicións do Cumio. En contrapartida, só lamento o feito de non haber a posibilidade de buscar traducións castelás dos vocábulos galegos, resultaríalle útil tamén. Acontece o mesmo co dicionario fraseolóxico que lle citei anteriormente, non hai frases feitas en galego vertidas ao castelán (a pesar de que ao final do libro teñamos unha lista coas correspondencias galego-castelán dispoñíbeis na obra, o que non é o mesmo).

    Se vostede en adiante pretende valerse do dicionario de Rinoceronte co fin de dispor dun bo apoio á súa escritura, anímolle a facelo. Oxalá non interprete isto coma un incentivo a que consulte menos os dicionarios monolingües —calquera que sexan eles—, xa que o cerebro das persoas bilingües tórnase algo preguiceiro se non exercita ámbolos idiomas, comezando presto a absorber algúns automatismos lingüísticos dos cales non é doado desavezarse despois.

    • Graciñas, Richard, polo comentario. Eu devorei o Xerais laranxa coma se fose un best-seller cando estudaba no instituto. Até fixera un glosario con palabras que me chamaran a atención e quería gardalas para que formasen parte do meu vocabulario para sempre. Algunhas en efecto absorbinas, outras esmoreceron co paso do tempo. Mais é bo lembrar o valioso que foi para formar unha xeración, coma min, que se escolarizou xusto cando empezou a era autonómica. Hoxe sigo a consultar acotío dicionarios. Este de Rinoceronte ten todas esas vantaxes que sinalas e talvez no futuro funcione tamén como ferramenta bidireccional.

  4. Lourenzo o dixo:

    Gloriosa ferramenta, útil, completísima e imprescindible para o galego do século XXI, á que teño gusto de ter devolto un chisco de todo o que tiro dela nas miñas consultas case que diarias, contribuído nas últimas semanas con algunhas suxestións, sempre ben recibidas e agradecidas pola parte dos amigos de Rinoceronte.
    Tan só discrepo coa postura dos autores verbo da toponimia, xa que son firmes defensores dos nomes vernáculos para nomear os lugares e eu apoio o uso e mesmo recuperación do amplo léxico toponímico en galego para nomearmos o mundo.
    De novo, parabéns polo traballo e grazas por compartiren con todos este seu tesouro.

    • Eu tamén lles propuxen a inclusión de novos termos e a resposta foi excelente. Rinoceronte é unha das grandes alegrías da cultura galega contemporánea e coido que non recibiu os recoñecementos que merece; supoño que por estar situado en Cangas e por non facer demasiado barullo. Graciñas por comentar.

Deixar un comentario