Dúbidas do galego

Mover os marcos

Nos últimos tempos estase a poñer de moda a expresión “mover os marcos”. Úsase como frase feita para definir actitudes ou estratexias de modificación do statu quo, de avance, de progreso, de renovación ou incluso revolución. Mais este novo significado é completamente contraditorio co sentido tradicional da frase.

Mover os marcos, literalmente, consistía no costume de cambiar os marcos ou lindes ou lindeiros dun terreo, especialmente os que estaban a monte ou á poula, que eran menos visitados polos propietarios e permitían realizar esta tarefa sen ser descubertos. Mover un marco non é doado, xa non só porque fisicamente estes elementos de separación entre terras sexan complicados de mover, senón porque “mover os marcos” é un dos comportamentos máis desprezables pola comunidade labrega galega.

A quen se lle ocorreu reciclar esta frase feita supoño que pouco conviviu cos pequenos propietarios rurais ou papou acriticamente a “lenda negra da Galicia profunda”, esa que se delicia en contarnos historias de veciños que se matan por un marco. Mover o marco como rebeldía. Historicamente isto é un disparate tal como identificar un roubo a unha tenda do barrio con nacionalización da riqueza ou algo así.

Mover os marcos é, para o dereito tradicional, unha grande ofensa, para os costumes galegos, unha mostra de máximo egoísmo: intentar riparlle ao lindante uns poucos metros só pola goloíza de sumar un pouco de superficie ao teu patrimonio. Mover os marcos non ten nada a ver coa revolución senón coa cobiza e incluso o abuso. 

Aínda que poeticamente pareza soar ben, usar a expresión mover os marcos é contraproducente e pode incluso provocar rexeitamento. Sobran xeitos de dicir o mesmo sen caer nos preconceptos contra o rural e contra Galicia.

Hoxe en día xa ninguén move os marcos. O que cómpre é ir mover as fotos do Sixpaq onde se reflecte a división de propiedades rurais no Catastro. Na espesura dos montes, os lindeiros son en moitas comarcas inútiles alertas nas que ninguén repara: nin os eucaliptos ou acacias, nin o lume, nin os propietarios, herdeiros á forza que moran lonxe dos carreiros e das touzas. Os marcos son hoxe vestixios arqueolóxicos dun mundo que morre. Movelos até parece crueldade, como levantar unha mámoa ou expoliar un cruceiro.

Single Post Navigation

7 reflexións sobre “Mover os marcos

  1. Boas. Eu penso ter utilizado (vexo que de xeito errado) a expresión para traducir do inglés ‘move the goal post’, que poida que veña doi rugby ou do fútbol. Úsase nas conversas en inglés cando se modifica po obxectivo da discusión ou cando se trata de desviar o tema

  2. Lourenzo o dixo:

    Moi interesante reflexión sobre esta expresión, que si teño ouvido ultimamente, mais na que nunca reparara. E a verdade é que agora opino coma ti.
    Unha pregunta, de onde sae a palabra goloíza? É un neoloxismo da túa colleita pola suma de gula e cobiza?

  3. Moitas grazas, Lourenzo. Goloíza é unha palabra que se usa moito na miña casa. A verdade é que nunca a buscara no dicionario e foi logo do teu comentario que me decatei de que non aparece. Talvez con outra grafía. Nós usámola para definir o desexo esaxerado por algo (ambición, degoiro). Mais ese punto concupiscente, en termos tomistas, como mestura entre cobiza e gula vénlle moi ben.

  4. Paula SV o dixo:

    Ola! Sei que non ten relación co texto, pero teño unha dúbida na conxugación dos verbos con pronome reflexivo en futuro e non sei se me podes botar unha man…
    A cuestión é, ¿cando é correcto escribir “farase” e cando o é “se fará”?
    Estaría moi agradecida se me poideras resolver a dúbida! Mil grazas!!

    • Boa tarde: Como en calquera outro contexto de colocación dos pronomes átonos, hai que ter en conta o contexto da frase. Polo xeral, en galego o pronome vai detrás da forma verbal: farase. Mais hai excepcións. Neste texto tes boa información para saber cando vai “se fará”: http://aprendogalego.com/APRENDO/4-pronomebac/colocacin_do_pronome_tono.html. Graciñas por ler o blog.

    • Lourenzo o dixo:

      Basicamente faite de conta de que polo xeral será “farase”.
      Póñoche exemplos dos casos excepcionais que veñen na páxina que achega Cequeliños:

      1. en oración subordinada (detrás dun “que”): Eles din que se fará tarde.
      2. interrogativas e exclamativas: Cando se fará a actividade?
      3. desiderativas (detrás de “oxalá/ogallá”; o que pasa é que esa é a marca antonomásica do modo subxuntivo, polo que nunca admitiría “se fará” detrás”): Ogallá se fixer realidade.
      4. negativas: Non se fará iso, senón isto outro.
      5. após certos adverbios: Sempre se fará segundo os protocolos.
      6. cando pos parte do predicado diante do verbo (aínda que isto é discutible): Antes das catro se fará todo (“farase” tamén válido, nos meus ouvidos polo menos)

Deixar un comentario