Dúbidas do galego

O, ao, ó

Circula por Ourense un conto sobre un matrimonio zamorano que logo de tomar os baños en Outariz foi buscar que xantar á ringleira de casas de comidas que sobrevive na rúa do Progreso. Nun dos encerados nos que os hostaleiros pintan o menú do día, a parella leu “Carne o Caldeiro 6,50 €”. Entraron, sentaron nunha mesa e cando o camareiro veu tomarlles a encarga, preguntaron: “¿La carne de qué es?”. “De becerro”, respondeu o camareiro. “Y caldeiro, ¿qué lleva el caldeiro?”. “No entiendo”. “A ver, no es a elegir la carne o el caldeiro”. “No, no, la carne se cuece en un caldero. Por eso se llama carne o caldeiro”. “Ves, ves, tú lo has dicho: o carne o caldeiro, hay que elegir uno”.

O conto acaba aí e non sabemos se os zamoranos acabaron xantando, o camareiro soubo explicarse ou sequera se esta historia non é o invento dalgún profesor de Lingua para que os seus alumnos aprendan a diferenciar o de ao ou ó. En calquera caso, eu vouna usar xustamente para iso mesmo.

Nesas casas de comidas do Progreso en efecto aparece a cada canto “Carne o caldeiro”. Tamén en moitas mensaxes de whatsapp, conversas de facebook e outras intervencións informais en galego a contracción da preposición a máis o artigo masculino aparece confuso.

En galego, debemos contraer en efecto esa preposición e os artigos. No caso feminino, as palabras resultantes son á e ás. No masculino, a normativa dános dúas opcións: a denominada solución fonética: ó e ós ou a solución reintegracionista: ao e aos.

En ambos os casos, a pronuncia é igual: un o aberto e longo. Insisto sempre en que no galego non existe unha correlación exacta entre escrita e pronuncia. Hai varios casos: Para lese pra cando é preposición; verea lese vrea; verán lese vran; sacar a lingua lese saca-la lingua; todos os lese tódolos… Tamén podemos pronunciar cos trazos propios da nosa zona: converter o gato en ghato; a cea en sea; tamén a piscina en pircina e o cantei en cantén se queremos remarcar a pertenza a un lugar ou cando estamos nun rexistro popular xustamente nesas zonas onde hai diferenzas de pronuncia a respecto da forma estándar.

Single Post Navigation

10 reflexións sobre “O, ao, ó

  1. Fai tempo que non como carne o caldeiro en Ourense, aunque sí en Caballiño cada vez que vou, pero seguindo a clase de gramática que vostede emprende, convén señalar aquel dito que fixo ca xente deixara de comer patatas na época negra daquela pandemia: pataca cosida…

  2. Podías facer uns artigos sobre:
    – Esteña e estea
    – Nadie, naide e ninguén
    – Tedes e tendes
    – As diferentes formas de dicir canastro ou calostra
    – As diferentes posturas sobre o galego e como debe evolucionar : autonomismo (oficialismo e reintegracionismo de mínimos), reintegracionismo(de máximos) e exclusivismo lusista
    – (Escena, escenario, zona, abandonar, abandono e fregona) ou (Escea, esceario, zoa, abandoar, abandoo e fregoa)
    – Cadrado e cuadrangular
    – Curto, cortar, acurtar e recortar (recortes)
    – A efectividade do sistema de suxestións da RAG

    • Graciñas polas suxestións. Tomo nota. Algunha cousa xa está tratada no blog https://dubidasdogalego.wordpress.com/2012/06/29/recortes/
      Aperta.

      • Alégrame saber iso, polo menos parece que as suxestións funcionan mellor ca na RAG. Por certo, e falando da RAG, teño unha nova para ti e para todos os lectores desta páxina : en outubro, dicías que o dicionario dixital da RAG incorporara moita linguaxe informática, pero que aínda non puxera o significado informático de arroba e que tardaría pouco en poñelo polo ritmo que levaban. Ben, 8 meses despois (moita présa non debían ter), o dicionario dixital da RAG actualizouse e incorporou o significado informático de arroba, aínda que non acabo de comprender porque tardaron tanto tempo, xa que ao ser dixital, terían que estar traballando co ordenador a miúdo e co cal terían que ver bastante o @ ou usalo, non sei que se puideron esquecer durante tanto tempo ou, ao mellor, foi por vagancia, pero creo que terían que ler as suxestións máis a miúdo (se é que as len, porque a min dame a sensación de que non as len). Iso si, aínda quedan palabras que non existen como fébel (feble), balonpé ou reintegracionismo.
        Bueno, a ver que artigo fas a vindeira segunda feira (eu mirei as datas dos artigos recentes, e sempre os fas na segunda feira).
        Para rematar, quero deixar a todos os lectores cunha recomendación : ide a unha páxina chamada portal das palabras e entrade na sección de xogos. Asegúrovos que podedes aprender moitas palabras en galego, e que mellor maneira para aprender ca xogando. Algunhas palabras que aprendín eu foron : espenuca, sela, raxeira…

  3. Merecíaste que esta páxina, fose unha páxina.gal

  4. Que eu sepa, sería carne ó caldeiro, non carne o caldeiro. De quen foi o erro de ortografía, do dono do restaurante, teu ou dos dous?

  5. Estimado amigo: Abofé que non teño claro cando usaremos “o” e cando “ao”, por exemplo: “Hoxe chamei os nosos amigos/ Hoxe chamei AOS nosos amigos”?

    Moitas grazas por a súa estupenda páxina e unha aperta.

    • Boa noite. Xeralmente, entre suxeito e obxecto directo nunca usamos a preposición a. Hai un truco: substituír o complemento directo polo pronome. Se é -o ou -a, non leva preposición. Se é -lle, si. Hoxe chamei os nosos amigos (chameinos, non chameilles). Hoxe chameilles guapos aos nosos amigos

      • Boas noites. E se no canto de falar de amigos, falamos de parentes? Serve o mesmo truco? Por exemplo, chamei a miña nai, ou chamei á miña nai?

        Grazas.

  6. Ola: A cuestión non muda. Chamei a miña nai: Chameina. Polo tanto, debe ir sen acento.

Deixar un comentario