Dúbidas do galego

Suadoiro

Nos últimos anos a presenza da roupa deportiva aumentou en esferas non propiamente deportivas. Aínda que xa antes do confinamento pola pandemia de covidia esta tendencia era evidente, aquel período de moito tempo dentro da casa deulle un pulo definitivo ás pezas de roupa consideradas máis cómodas e informais, con varias funcións e baratas.

Acabado o confinamento, a roupa deportiva saíu canda nós á rúa, e non só para facer exercicio. Todas as vantaxes que mostraran naqueles meses de internamento permaneceran: prezo, versatilidade e, sobre todo, que non precisan que lles pasemos o ferro e teñen connotacións consideradas positivas socialmente, especialmente a xuventude e a boa forma/saúde. Vestir roupa deportiva quita anos e parece indicar que a persoa que a leva practica deporte, cunha vantaxe engadida: nos modelos máis frouxos axuda a agochar a forma do corpo. Aparentar menos anos e boa saúde son valores fundamentais no noso tempo.

O chándal tradicional pasou a protagonizar pasarelas de moda e é hoxe uniforme de moitos músicos e emprendedores de Silicon Valley, por exemplo. As grandes marcas de luxo teñen espazo para este tipo de roupa e incluso se diferencian rexistros de uso, é dicir, fabrícase roupa deportiva para facer deporte e outra para o paseo.

Hoxe quero falar do nome dunha desas pezas de roupa de adestramento: o suadoiro. Esta palabra está aceptada pola RAG na súa segunda acepción. A primeira é: “manta que se lles pon aos cabalos por debaixo da sela”, é dicir, o suadoiro foi tradicionalmente un lugar (o sufixo -oiro indica case sempre iso) onde se acumula a suor, neste caso a dos cabalos.

Suadoiro é un calco do castelán sudadera, que tamén tomou o termo da manta fedorenta dos cabalos. E co calco veu o fedor, porque aínda que é moi subxectivo falar de palabras antiestéticas, neste caso parece que as connotacións do concepto son evidentes: lugar onde se acumula suor non parece o termo máis chic para vender esa peza de roupa. E aínda así triunfou e é habitual no galego, especialmente no escrito, porque no oral é maioritario o orixinal “sudadera”.

No portugués a norma indica que debe usarse camisola, camisola con capuz ou moletom. Incluso agasalho se utiliza neste contexto. Mais cando un acode a unha tenda de roupa en Portugal é habitual que as etiquetas poñan este produto co seu nome inglés: sweatshirt ou hoodie (a que leva capucha).

Sweatshirt significa literalmente “camisa para suar” e incide directamente nese mesmo campo léxico, o do esforzo, a transpiración, o mal cheiro. E é pena que tamén nese idioma triunfe por riba de termos que aparentemente parecen máis apetecibles para falar desas roupas fóra do ámbito estritamente deportivo.

En galego é evidente que suadoiro é a palabra maioritaria, mais coido que sería máis eufónico, sobre todo unha vez que esas pezas de roupa se usan fóra dos espazos de transpiración, empregar outros termos, tomando como referencia o portugués formal, como camisola ou moletón. Ambas palabras xa aparecen no dicionario da RAG e aínda que actualmente os seus significados son restritivos (sobre todo no de moletón, que alude unicamente ao tecido e non á peza de roupa), axustaríanse para os seus novos usos.

Outro día haberá que falar de tenis.

Single Post Navigation

Unha reflexión sobre “Suadoiro

  1. No texto falas da palabra camisola, que no portugués penso que se refire a suadoiro, xersei, etc Eu emprego sempre esa palabra para as T-shirt do inglés, ou camisetas do castelán. Gústame moito, porqque non é só que sexa o marcado dende a RAG, senón que é a forma que sempre lle escoitei aos máis vellos da miña casa. O mesmo que “cinto”. Saúdos

Deixar un comentario