Dúbidas do galego

Arquivo para a categoría “Latinismos”

Referendo, ultimato e currículo

Coma sempre por influencia do castelán, o galego precisa desligarse de certos vicios expresivos para brillar con corrección nalgúns ámbitos. Hoxe falo de certos latinismos con suficiente antigüidade coma para se adaptaren ás formas propias do noso idioma pero que seguen dominados polo termo estranxeiro.

En galego dicimos referendo, ultimato e currículo, igual que espírito. As formas referendum, ultimatum e curriculum son castelanismos innecesarios que ademais provocan aberracións lingüísticas coma os falsos plurais referendums, curriculums ou ultimatums –o correcto en castelán é os referenda, as currícula e os ultimata.

Máis práctico e lóxico para este tempo é dicir currículos, ultimatos e referendos. En portugués tamén aplican esta regra.

In flagranti

Coas mans na masa, co fociño no touciño, no medio da meda… Hai moitas frases feitas para especificar que alguén é collido no medio e medio de algo, normalmente dunha falcatruada.

A locución latina máis apropiada para ese mesmo sentido é in flagranti, non in fraganti, castelanismo curioso porque non é usual que esa lingua substitúa unha forma fl latina por unha fr. Pero non debemos usar esta forma arbitrariamente. En orixe, in flagranti ía seguida de delicto, é dicir, significaba que alguén fora detido en delito flagrante. Así que temos que empregar in flagranti unicamente cando falemos dalgunha falta.

Navegación de artigos