Dúbidas do galego

Arquivo para a categoría “Lingua”

O dicionario castelán-galego de Rinoceronte

É xa un tópico dicir que Galicia é un país pequeno, atrasado nalgunhas cousas e cunha política cultural deficiente. É certo e sobran argumentos para demostralo.

Mais tamén Galicia ten unha gran capacidade para desenvolver proxectos, pequenos, imaxinativos, diversos, nacidos da iniciativa particular ou da empresa privada, que suplen esas carencias que non queren cubrir as institucións públicas que, en teoría, deberían levalas a cabo.

De aí que sexa unha gran noticia a publicación do dicionario castelán-galego en liña que desenvolveu o grupo editorial Rinoceronte.

Nas poucas semanas que leva operativo, eu mesmo, que me dedico ao xornalismo e á edición, utiliceino, polo pouco, un cento de veces. Quixen aproveitar esta necesidade profesional para probar a ferramenta, espremela, ver até onde dá. E logo vírvolo contar aquí, xa que coido que a aparición deste dicionario é, sen lugar a dúbidas, un dos grandes avances do último lustro para as persoas interesadas en resolveren as súas dúbidas a respecto da lingua galega e mellorar a súa expresión.

O dicionario é moi completo. Apenas me encontrei con termos que non recolla e as súas definicións son de gran calidade. Tendo en conta que o dicionario aínda está nas primeiras semanas de vida, é de supoñer que no futuro terá maior riqueza, o que augura un nivel de precisión e de recursos notable.

Rinoceronte é unha editorial centrada, principalmente, na tradución ao galego. O seu director, Moisés Barcia, ten dito que o dicionario naceu da necesidade que o persoal tradutor tiña de acceder ás formas correctas en galego, especialmente daqueles conceptos que están máis estendidos (case interiorizados) en castelán. Polo tanto, a xenerosidade do grupo editorial é dobre: á parte de permitir a consulta gratuíta, pública e universal do valor engadido durante estes anos, desenvolveu unha ferramenta actual, fácil de usar, robusta e rápida mercé aos seus propios recursos, sen ningún apoio institucional ou patrocinio cultural.

Só me queda recomendarvos que o usedes. Eu mesmo descubrín grazas a el que moitos conceptos que achaba propios, en realidade son estranxeirismos. Por suposto que nalgúns casos podo estar disconforme ao prescribir determinados usos, mais iso non depende deste dicionario, que se cinxe escrupulosamente á normativa do galego e ás decisións autorizadas sobre o vocabulario do idioma galego.

Adiántovos que no futuro, moitos dos textos que vaia incorporando a este blog han ter como base de referencia ou apoio este novo dicionario.

Aburrir e aborrecer

Aínda que estes dous verbos forman parte do mesmo campo semántico non teñen significados iguais polo que debemos ter moita conta ao usalos. Pódenos parecer que aburrir é un verbo castelán e de aí a gana de substituílo sempre por aborrecer. Mais na realidade, aburrir é tan galego coma aborrecer e debemos usalo con propiedade cando corresponda.

Aburrir e aborrecer si son sinónimos co significado de causarlle aburrimento. Tamén causar repugnancia ou fastío e mais cansar de algo. É dicir, podemos dicir: “Aburriume toda a tarde poñéndome fotos da voda na tableta” ou “Aborreceume toda a tarde”. Mais cando o verbo é pronominal aburrir significa sentir aburrimento, polo que non é o mesmo dicir “Abúrreste, Elvira?” ca “Aborréceste, Elvira?”.

Porque cando aborrecer é pronominal significa sentir odio, repugnancia, fastío. É dicir, “Aborréceste, Elvira” vén significar que neste caso esta persoa sente por si mesma noxo.

Un significado menos coñecido de aborrecerse é infectarse unha ferida. “Deixeino estar e aquela trabadela do can aborrecéuseme”.

Aborrecer ten maior intensidade nalgúns casos. Un neno está aburrido porque sente aburrimento ao non facer nada que o estimule. Mais cando está aborrecido é porque incomoda a xente ao seu redor.

 

Cando introducimos o obxecto directo coa preposición a

En galego, o obxecto directo, como norma, vai unido ao suxeito sen preposición, a diferenza do castelán: “Vio a un gato en el jardín”, “Escucha a tu corazón”, “Entretuvimos a tu padre hasta que se cansó”. “Viu un gato no xardín”, “Escoita o teu corazón”, “Entretivemos o teu pai até que cansou”.

Mais nalgúns casos si que debemos empregar a preposición a para construír as frases con corrección e evitar confusións. Recordemos que son casos excepcionais pero que deben terse en conta para non caer nun galego artificial. Reparamos nos exemplos máis habituais aínda que hai máis casos.

Cando o obxecto directo é un pronome persoal tónico: “Tróuxoa a ela”. Fixémonos que xa o pronome átono marca que estamos diante dun obxecto directo. O obxecto indirecto vai marcado polo pronome lle: “Tróuxolle a ela un pente”.

Con algúns pronomes non persoais. Un, cando se achega ao pronome persoal: “Primeiro mete a un en apuros e logo cala”. No caso de ser un impersoal claro non leva: “Coñezo unha que che sabe diso”. Todos/as: “Vendex comprounos a todos os concelleiros do PP”. Ambos/as: “Desde aquí, vexo a ambas”.

Cos numerais referidos a persoas se hai marcador de redobre clítico. É dicir, cando xa hai un pronome átono que marca o obxecto directo. Notemos a diferenza entre: “Levo as dúas fillas fotografadas na carteira” e “Lévoas ás dúas fillas…”

Con calquera referido a persoa. “Despiden a calquera que cobre moito e contratan a calquera que o faga por menos”.

Con pronomes demostrativos referidos a persoas. “Nunca trouxera a eses para xogar”. “Coñecín a estes nunha noite de esmorga”

Con nomes propios de persoas. “François Hollande nomeou a Manuel Valls primeiro ministro de Francia”. Aínda así, existen matices. Cando o nome vai precedido do artigo non é necesaria a preposición. “A asemblea nomeou o Chuco voceiro do movemento”. “Disque o Andrade traizoou o Castro nos tempos do rei Pedro”.

Existen aínda así máis excepcións cando o nome común ten un matiz expresivo na frase diferente. Por exemplo, cando non definen unha persoa senón que definen a súa obra completa. “A orquestra tocou Chopin, Brahms e Debussy”. Ou cando pode haber ambigüidade entre o obxecto directo e o indirecto na mesma frase. “Recomendoulle Fernando Ónega a Adolfo Suárez”.

No caso dos antropónimos, agás en contextos moi formais, é preferible usar o artigo, xeito que se acomoda máis á nosa fala cotiá, aínda que poida parecer máis ambiguo. Na fala flexionamos de diferentes xeitos as palabras. “Recomendoulle a Rosa ao Pepe” non o dicimos igual ca “Recomendoulle á Rosa o Pepe”.

Con topónimos “personalizados”. Se falamos dun territorio polo que representa máis que pola súa situación. “Napoleón conquistou Europa” fronte “A Xunta só criticaba a Madrid cando gobernaba Zapatero”.

Cando definimos parentescos moi próximos. Se dicimos “O profesor coñeceu os pais do Brais” recoñecemos distancia. Mais reparemos nestoutra frase: “O profesor coñeceu a papá”. Cando o parentesco é moi cercano ao falante e unívoco prefírese a preposición.

En calquera caso que poida crear ambigüidade. Se ao construírmos unha frase, o obxecto directo pode confundirse co suxeito, usaremos a preposición a como marca de desambiguación: “Os franceses os galegos derrotaron” deberiamos escribilo “Os franceses aos galegos derrotaron”.

Helena Villar Janeiro dá clases de galego pola internet

Nesta ocasión non resolvo ningunha dúbida con este artigo senón que recomendo, para quen queira iniciarse ou perfeccionar o seu nivel de galego, a nova iniciativa que desenvolve na rede a profesora e escritora Helena Villar Janeiro. “Galego na Rede” é un proxecto docente en liña que ten un amplo seguimento desde que comezou a andaina na internet.

A idea foise perfilando no facebook de Helena Villar Janeiro. A escritora, consciente do desprestixio da nosa lingua mercé ás políticas da Xunta, que abandonou o labor de normalización e de dotación de recursos educativos para a alfabetización, decidiu non ficar quieta. Villar Janeiro é unha das nosas literatas e profesoras máis activas nas redes sociais. Logo de ver como recibía preguntas cada día sobre como se expresaba tal ou cal cousa en galego e comprobar como o nivel de coñecemento da nosa lingua é feble, tanto nas novas xeracións (a pesar de o noso idioma ser materia obrigatoria) coma entre as persoas de máis de 40 anos, que non recibiron formación específica en Lingua, tomou a decisión de facer unha das cousas que mellor sabe: ensinar.

Primeiro aproveitou o propio facebook, con mini leccións temáticas de grande éxito entre os seus amigos nesa rede. Mais decatouse de que era unha vía pouco eficaz, sometida a moitas limitacións. De aí a idea de lanzar un blog específico sobre temas lingüísticos, que se converte nunha ferramenta máis para quen queira achegarse á fonte limpa do galego.

‘Galego na Rede’ é un proxecto educativo serio, construído coma calquera deseño de aprendizaxe dun idioma: capítulos breves nos que se dá a coñecer a norma, os usos, as excepcións, e leccións de repaso e exercicios prácticos que axudan a fixar os coñecementos.

Como usar os pronomes átonos, a fonética do galego, diferenzas entre galego e castelán que espertan confusión entre os falantes que, coma no caso, son bilingües e están moito máis expostos á lingua estatal que á propia… Pouco e pouco Villar Janeiro vai construíndo un corpus imprescindible que vos aconsello que liguedes aos vosos lectores web, listas de favoritos e demais ferramentas. Paga a pena.

 

Habitación

Hoxe hai moitas ferramentas para garantir que os nosos escritos teñen unha ortografía adecuada. Os programas de procesamento de texto máis usados teñen a posibilidade de instalar un corrector automático que, no caso do galego, sinala erros na escritura dunha determinada palabra. Tamén existen recursos en liña que cumpren esa función.

Mais que ocorre con aquelas palabras que aínda sendo idénticas na forma ao castelán teñen significados distintos? Pois nese caso, o corrector non pode axudar, polo momento. De aí que veña ben estudar galego e ter coñecementos profundos da lingua cando queremos falar e escribir con propiedade.

Unha desas palabras que os correctores van validar é habitación. Porque en galego existe habitación mais non co sentido do significado máis habitual da palabra castelá: “nunha vivenda, cada un dos espazos separados por un tabique destinados a comer, durmir…”. Para ese significado, en galego empregaremos cuarto.

Aínda máis habitual é utilizar habitación como sinónimo de espazo na vivenda destinado a durmir. “Estoy llorando en mi habitación, ella se ha ido con un niño pijo”. Neste caso, en galego podemos empregar cuarto ou dormitorio. “Estou a chorar no meu cuarto (ou dormitorio), ela marchou cun neno relambido”.

Entón, cando usaremos habitación no noso idioma? Habitación significa construción destinada á vivenda ou acomodo dos animais. Empregaremos a palabra como sinónimo de vivenda ou lugar no que pasar a noite. “Xosé e María acabaron pasando a noite nun presebe de Belén ao non encontraren habitación”. Tamén se pode utilizar o termo para referirnos á acción de habitar. “Garantir a habitación dos chalés adosados non foi unha prioridade do construtor nin da Concellaría de Urbanismo”.

Enlaces de correctores:

Web de Imaxin, empresa responsable dos correctores ortográfico e gramatical para procesadores de texto.

Web de Ortogal, corrector en liña da Universidade de Vigo.

Olivo

O mapa da penetración de palabras propias do castelán na fala galega viva é irregular en Galicia. Palabras nosas que gozan de boa saúde nalgunhas comarcas hai tempo que non se empregan noutras. Lugares nos que un determinado castelanismo soa estraño e pode incluso deixar quedar mal a quen o pronuncie son habituais noutras partes do país. Cando alguén di iso de que tal palabra “é inventada –ou é portuguesa– porque eu non a escoitei nunca” hai que recomendarlle que faga turismo interior porque seguro de que, na meirande parte dos casos, ha atopar xente que si use esa palabra.

Oliveira é unha desas palabras. Na comarca do Paradanta, de onde eu son, está vivísima. A ninguén lle escoitas dicir olivo sen que che renxa. Pois ben, cando fun vivir para a Limia, farteime de escoitar olivo e cando falaba de oliveira, a xente facía unha pausa de estrañeza e seguían chamándolle á árbore olivo.

En Vigo, cidade cuxo símbolo é esta árbore, moita xente utiliza olivo incluso falando en galego mais teño a sensación de que é máis por costume toponímico xa que a oliveira famosa, a que está situada no paseo de Afonso XII, é coñecida como O Olivo, como case todos os recantos urbanos –incluso Orillamar, malia o enorme esforzo do Concello por popularizar a forma propia Beiramar.

A oliveira é unha árbore que se dá moi ben en Galicia. Hai plantacións “comerciais” en zonas como o Larouco ou Valdeorras e nos arredores de Ourense varios produtores (o máis famoso deles é Abril) recuperaron a tradición de fabricar aceite do noso país. Porque en Galicia fabricouse aceite e bastante, se atendemos a pegada na toponimia. Hai moitos lugares nomeados con referencias a esta árbore ou ao seu froito: a oliva (aceituna é un castelanismo): A Oliva, Oival, Oliveira, Olveda, Olveiroa, Olveira. Na Idade Media, o aceite era, xunto co viño, imprescindible na liturxia relixiosa (era obrigado manter os santos alumados e o aceite era mellor combustible ca a cera), por iso os mosteiros fomentaron o cultivo de oliveiras e viñas.

Unha lenda historiográfica asevera que foi no século XVIII cando a coroa española prohibiu o cultivo de oliveiras en Galicia, seica que por favorecer a industria aceiteira andaluza. Un dos nosos grandes historiadores, Anselmo López Carreira, asegura que non atopou ningún documento que ampare esa teoría, polo que a razón do ocaso da plantación histórica de oliveiras segue a ser un misterio. Tomar aceite virxe de oliva madurado, recollido e espremido en Galicia hoxe pódese facer. Que vos preste!

Sen embargo

Admitido pola normativa galega até o 2003, considerouse forma impropia logo da aprobación da normativa de consenso. Desde ese momento desaparecen da lingua estándar, ademais, nembargantes e nembargante. Substitúense por non embargante.

De todos os xeitos, todas as formas de locución conxuntiva adversativa baseadas no substantivo embargo considéranse importadas. Embargo non é unha palabra vella no idioma galego e si no castelán, onde antigamente equivalía a incomodidade, de aí o de “sin embargo”.

A forma culta máis usada para ese significado é non obstante. Mais coa normativa de consenso dúas locucións “novas” se tomaron do portugués: no entanto e porén.

Loxicamente, ao se introduciren hai tan pouco, o seu percorrido é curto mais xa se nota, especialmente na lingua escrita, tanto en xornalismo coma na industria do libro.

Aquel pacto do 2003 foi decisivo para unir ao redor dunha norma común a forma correcta de escribir e falar a nosa lingua. A avinza rematou coa chamada normativa de mínimos, que buscaba achegarse ao portugués especialmente tomando dese idioma as súas regras de acentuación e utilizando a separación mediante trazo dos pronomes persoais (falando-lle). Un dos grandes logros, por exemplo, foi unir á normativa oficial partidos como o BNG ou cabeceiras históricas do xornalismo como ‘A Nosa Terra’.

Hoxe en día, ese consenso é moi maioritario entre as institucións culturais e sociais que empregan o galego. Algunhas voces antano partidarias deste consenso decidiron, individualmente, aceptaren a normativa reintegracionista ou lusista. Mais a influencia desa postura é marxinal en Galicia e non conta apenas con soportes de expresión editorial nin sociopolítica.

Encol de

Aínda moitas veces encontro en textos en galego o uso da locución preposicional encol de como sinónimo perfecto de sobre. “Hoxe vou falar encol de propostas e promesas”. Por querer distanciarse do castelán acabamos consagrando un hiperenxebrismo.

Só usaremos encol de para referirnos a algo que está nun plano físico inmediatamente superior a outra cousa. “Déixoche as cenorias e as cebolas encol da maseira”. Sinónimos son derriba, encima, por riba.

É unha forma nosa e convén promovela e usala máis pero sabendo que ten máis que ver con enriba de que con sobre. Sinónimos de sobre son acerca de, a respecto de, con relación a…

Andamio

Cando traballaba en A Nosa Terra farteime de corrixir a palabra andamio. É que o VOLG considéraa incorrecta. Recoñezo arestora, diante dos compañeiros que sufriron o meu riscado, o meu erro. Substituíaa con furor por estada. Andamio aparece no dicionario da Real Academia Galega, principal fonte limpa que marca os limites da lingua estándar.

Andamio e estada son palabras galegas, admitidas co mesmo significado. Eu sempre preferín andamio (aínda que logo fose o seu meirande censor). É termo documentado no galego medieval e presente nas linguas do noso contorno con lixeiras variacións. O portugués prefire a forma andaime pero admite andaimo.

Sobre a súa orixe e primeiros usos os especialistas vese que non se poñen de acordo. Para algúns ten a ver co verbo andar, xa que esta estrutura metálica ou de madeira se constrúe para permitir camiñar a altura. Mais paréceme mellor a explicación etimolóxica que indica que é un arabismo, procedente de ad-da’ama, plural de piar. Deses “piares” xurdiu un invento cuxo primeiro uso debeu ser militar. As historias de asedios fálannos dos andamios, enxeños móbiles con táboas e columnas nas que os atacantes avantaban cara ás murallas e atinxían de xeito doado as ameas.

Case ao mesmo tempo os andamios foron usados na construción e na arte. Son famosos os andamios que Michelangelo Buonarroti empregou para pintar a Capela Sixtina do Vaticano.

Motriz e motora

Velaquí un caso de adxectivos femininos dos denominados irregulares. Motriz é a forma que usaremos en feminino para motor. “Verónica Boquete é a motriz da selección galega de fútbol”; “A forza motriz dunha sociedade é a poboación activa”.

Ás veces observamos que se emprega comunmente motor con substantivos femininos ou se emprega a forma motora. Ambas as solucións son incorrectas. Motora en galego é un substantivo e define calquera embarcación pequena que se move a motor. Tamén podemos empregar lancha motora.

Navegación de artigos