Olivo
O mapa da penetración de palabras propias do castelán na fala galega viva é irregular en Galicia. Palabras nosas que gozan de boa saúde nalgunhas comarcas hai tempo que non se empregan noutras. Lugares nos que un determinado castelanismo soa estraño e pode incluso deixar quedar mal a quen o pronuncie son habituais noutras partes do país. Cando alguén di iso de que tal palabra “é inventada –ou é portuguesa– porque eu non a escoitei nunca” hai que recomendarlle que faga turismo interior porque seguro de que, na meirande parte dos casos, ha atopar xente que si use esa palabra.
Oliveira é unha desas palabras. Na comarca do Paradanta, de onde eu son, está vivísima. A ninguén lle escoitas dicir olivo sen que che renxa. Pois ben, cando fun vivir para a Limia, farteime de escoitar olivo e cando falaba de oliveira, a xente facía unha pausa de estrañeza e seguían chamándolle á árbore olivo.
En Vigo, cidade cuxo símbolo é esta árbore, moita xente utiliza olivo incluso falando en galego mais teño a sensación de que é máis por costume toponímico xa que a oliveira famosa, a que está situada no paseo de Afonso XII, é coñecida como O Olivo, como case todos os recantos urbanos –incluso Orillamar, malia o enorme esforzo do Concello por popularizar a forma propia Beiramar.
A oliveira é unha árbore que se dá moi ben en Galicia. Hai plantacións “comerciais” en zonas como o Larouco ou Valdeorras e nos arredores de Ourense varios produtores (o máis famoso deles é Abril) recuperaron a tradición de fabricar aceite do noso país. Porque en Galicia fabricouse aceite e bastante, se atendemos a pegada na toponimia. Hai moitos lugares nomeados con referencias a esta árbore ou ao seu froito: a oliva (aceituna é un castelanismo): A Oliva, Oival, Oliveira, Olveda, Olveiroa, Olveira. Na Idade Media, o aceite era, xunto co viño, imprescindible na liturxia relixiosa (era obrigado manter os santos alumados e o aceite era mellor combustible ca a cera), por iso os mosteiros fomentaron o cultivo de oliveiras e viñas.
Unha lenda historiográfica asevera que foi no século XVIII cando a coroa española prohibiu o cultivo de oliveiras en Galicia, seica que por favorecer a industria aceiteira andaluza. Un dos nosos grandes historiadores, Anselmo López Carreira, asegura que non atopou ningún documento que ampare esa teoría, polo que a razón do ocaso da plantación histórica de oliveiras segue a ser un misterio. Tomar aceite virxe de oliva madurado, recollido e espremido en Galicia hoxe pódese facer. Que vos preste!
A verdade é que si escoitara oliveira, pero coma a xente de Limia, sóabame estraño. Porén, non me pasa iso con outra árbore, a nogueira.
Graciñas por comentar e por todos os “gústame” que tes deixado nestes meses. Apertas
A teoria que teño escoitado eu é que a destrucion das plantacions de oliveiras, entre outras medidas, foi ordeada polos Reis Catolicos de Castela e Aragon despois de sofocar as revoltas do S. XV da nobreza galega.
Esa teoría xa hai anos que está descartada. Entraba na lóxica de atribuír todos os males do reino de Galicia a esa parella 🙂 Si que é certo que os seus descendentes, en especial os tres Felipes (II, III e IV) aprobaron diferentes normas para prohibir o comercio entre América e Galicia. Graciñas por comentar
Eu coñezo familias que se apelidan Olveira (sen o primeiro i de oliveira) da parte do Son, non sei se a palabra tamén se emprega para a árbore por alí.
Segundo Gonzalo Navaza, a maior autoridade en Toponimia do país, na zona costeira, o nome de lugar Olveira é máis común e de aí o apelido. Na fala a palabra común sempre foi oliveira, agás nas comarcas onde a palabra propia foi substituída polo castelanismo, claro está. Graciñas por comentar