Dúbidas do galego

Arquivo para a categoría “Ortografía”

O, ao, ó

Circula por Ourense un conto sobre un matrimonio zamorano que logo de tomar os baños en Outariz foi buscar que xantar á ringleira de casas de comidas que sobrevive na rúa do Progreso. Nun dos encerados nos que os hostaleiros pintan o menú do día, a parella leu “Carne o Caldeiro 6,50 €”. Entraron, sentaron nunha mesa e cando o camareiro veu tomarlles a encarga, preguntaron: “¿La carne de qué es?”. “De becerro”, respondeu o camareiro. “Y caldeiro, ¿qué lleva el caldeiro?”. “No entiendo”. “A ver, no es a elegir la carne o el caldeiro”. “No, no, la carne se cuece en un caldero. Por eso se llama carne o caldeiro”. “Ves, ves, tú lo has dicho: o carne o caldeiro, hay que elegir uno”.

O conto acaba aí e non sabemos se os zamoranos acabaron xantando, o camareiro soubo explicarse ou sequera se esta historia non é o invento dalgún profesor de Lingua para que os seus alumnos aprendan a diferenciar o de ao ou ó. En calquera caso, eu vouna usar xustamente para iso mesmo.

Nesas casas de comidas do Progreso en efecto aparece a cada canto “Carne o caldeiro”. Tamén en moitas mensaxes de whatsapp, conversas de facebook e outras intervencións informais en galego a contracción da preposición a máis o artigo masculino aparece confuso.

En galego, debemos contraer en efecto esa preposición e os artigos. No caso feminino, as palabras resultantes son á e ás. No masculino, a normativa dános dúas opcións: a denominada solución fonética: ó e ós ou a solución reintegracionista: ao e aos.

En ambos os casos, a pronuncia é igual: un o aberto e longo. Insisto sempre en que no galego non existe unha correlación exacta entre escrita e pronuncia. Hai varios casos: Para lese pra cando é preposición; verea lese vrea; verán lese vran; sacar a lingua lese saca-la lingua; todos os lese tódolos… Tamén podemos pronunciar cos trazos propios da nosa zona: converter o gato en ghato; a cea en sea; tamén a piscina en pircina e o cantei en cantén se queremos remarcar a pertenza a un lugar ou cando estamos nun rexistro popular xustamente nesas zonas onde hai diferenzas de pronuncia a respecto da forma estándar.

Absorber

Nunca pensei que necesitaría escribir un artigo sobre este verbo porque para min a súa grafía é ben clara pero hoxe vin no muro do facebook dunha destacada política galegofalante a forma absorver e recordei, sen precisar madalena nin nada, como no meu tempo de instituto houbera unha profesora de Ciencias que se ofuscara con esta palabra e teimara sobre as sagradas escrituras que absorber era con v. Até chegou a apostar unha cea cos alumnos que a contradiciamos, que por certo non pagou. Non foi o único docente que na miña vida académica incumpriu unha aposta deste tipo… Si, profesor Barreiro Rivas, isto vai por vostede.

Volvendo ao rego: a forma absorver é incorrecta. Na maioría dos casos, a utilización do v ten a ver coa similitude gráfica e fonética co verbo absolver, que si leva v. Os estudosos do cerebro conclúen que a nosa mente ten tendencia a relacionar palabras, lugares, feitos, dun xeito lóxico ás veces, outras aleatorio. Segundo os científicos, hai determinadas faltas de ortografía que non somos quen de corrixir por moito que as pensemos. Seguro que en galego absorber/absolver está no alto da clasificacións destas faltas recorrentes.

Para quen considere que a política en cuestión escribiu absorver con v porque así é correcto en portugués, pouco teño que contestar. A norma do galego no 90% do noso léxico diario é estable e non precisa modificación ningunha. No caso de absorber, a escolla do b etimolóxico (do latino absorbere) non ten demasiada discusión. De feito, só o portugués escribe con v este verbo. A saber se de tanto confundirse con absolver decidiron converter a debilidade en lei. Non me estrañaría, a historia da lingua está ateigada de palabras e formas que se consideraban errados e que un bo día a Academia aceptou.

Periodo ou período?

Hai determinadas palabras que se escoitan e se len con diferentes pronuncias. Sempre nos queda a dúbida de onde colocar a vogal tónica. É austríaca ou austriaca? É período ou periodo? É período para uns casos e periodo para outros?

En galego, o correcto é facer a pronuncia en hiato. É dicir, marcando con til a vogal feble, nestes casos o i. Período, austríaco. Pero tamén noutros casos onde esta pronuncia soa algo máis rara, caso de Olimpíadas, amoníaco, cardíaco, bosníaca, entre outros substantivos.

Henrique, ola, harmonía, ombreiro

Igual que ocorre co b/v, as diferenzas entre castelán e galego no uso do h son de orixe etimolóxica. Hai linguas, caso do italiano, que para evitar problemas, cortou polo san o h. De aí que falen de Umberto (e non Humberto). O galego restitúe moitos haches que o castelán perdeu. Algúns na antroponimia, que é a parte da lingüística que estuda os nomes propios de persoas. Así recoméndase en galego escribir Henrique, Helena, Heladio e Hadrián. Outros casos de palabras con h en galego son harmonía e os seus derivados, e harpía.

Pola contra, en galego van sen h palabras que etimoloxicamente non o levaban pero que no castelán o gañaron por erros de transcrición. Así escribimos ombro e ombreiro, úmero, óso, ola, oco, ovo, orfo, orfanato ou orchata.

Como a ninguén lle gusta parecer parvo, o dicionario da RAE falseou a grafía dalgunhas palabras en latín para que non se notase o cambio, caso de humerus polo real umerus.

Noutros casos, o galego é o que non respecta a etimoloxía. Orchata provén do latín hordeata pero preferiu escribilo coma en catalán, lingua de difusión do nome desta bebida feita con améndoas, chufas, auga e azucre.

O caso de arpa é especial. A normativa esixe escribilo á italiana, sen h, a pesar de recoñecer que a súa orixe xermánica é harp –que significaba angazo. En portugués escríbese harpa e con h aparece na obra de moitos autores. Persoalmente, naqueles textos da miña autoría nos que podo “desafiar” a norma, escribo a palabra na forma etimoloxicamente correcta: harpa porque considero que ese é o espírito da nosa norma na meirande parte dos casos e descoñezo cal foi a razón para facer unha excepción con este instrumento musical.

Abelá, chibo, gabeta

Igual que ocorre no caso do v, en galego escríbense con b moitas palabras que en castelán, idénticas ou semellantes, se escriben con v. A razón desta diferenza é etimolóxica. É dicir, o galego bebe directamente nas fontes ortográficas das palabras e reprodúceas coa grafía orixinal. Vantaxes de ser unha lingua aínda non normalizada (non todo ían ser inconvenientes!). Este é o caso de gabeta. En galego escríbese así contra a tradición portuguesa e castelá, idiomas nos que vai con v. Por que poñerse farrucos? Pois porque a palabra latina da que procede é gabatam (que significaba recipiente). Cos séculos, os escribáns (moitos deles simples copistas sen maior formación) alteraban as grafías das palabras a rumbo. En galego levan b abelá, chibo, almorábide, gabia, gabián, inmóbil, marabilla, rebentar, ribeira ou trobador.

 

Avoa, avogado, escaravello

Seguimos falando de dificultades para saber se unha palabra vai con v ou con b. Especialmente cando hai variación entre a ortografía do galego e do castelán. Como a nosa lingua é a máis feble e a menos utilizada no ensino, non é estraño ver escritas palabras galegas con grafías que son estrañas. Hai casos ben complicados porque as palabras son idénticas, como avogado, corveta, vogar, esvelto, chuvasco, escarvar, avultar, covarde, gravar, varanda, varrer, verza ou voda, que se escriben con v e non con b. Noutros casos, o erro é por semellanza semántica. É o caso de avoa, escaravello, esvarar, garavanzo, pavillón, trevo, voitre, vermello, verniz ou gravata. A única maneira de acertar é estudando caso por caso. Que palabras que levan v en galego se vos poñen rebeldes e sempre errades na súa escrita?

Trucos: o h

Seguindo coa guía rápida de Xosé Pombo da que falabamos na última entrada, explicamos as palabras que sempre levan h.

É a etimoloxía a que explica a presenza deste grafema. Por iso hai que memorizar uns poucos prefixos.

Levan h as palabras que comezan polos prefixos hecto-, heli-, hélico-, hem-, hemi-, hepta-, hetero-, hexa-, hidr-, hidro-, hipo-, híper, homo- e hosp-.

As palabras que comezan por hum- e horr-.

Este texto publicouse orixinalmente en A Nosa Terra Diario, no 2010.

Trucos ortográficos: o v

Unha das cousas que máis desesperan os estudantes é que a ortografía non teña regras definidas. Por que vai con v avión e con b bola? Aínda que na meirande parte dos casos as oscilacións b/v ou o uso do h teñen a ver coa tradición e etimoloxía, podemos aproveitarnos dos trucos que nos dá Xosé Pombo Mosquera na súa Guía rápida da lingua (Xerais).

Úsase v sempre despois de n (inventar)

Logo dos prefixos ad-,ob- e sub- (advertir, observar, subverter)

Os adxectivos rematados en -avo, -ava, -evo, -eva, -ivo, -iva, -ave e -eve agás árabe e todos os seus derivados.

As palabras compostas do prefixo vice-.

As palabras rematadas en -viro, -vira, -ívora e -ívoro.

As formas verbais que non teñen b ou v no infinitivo. Agás nos tempos do pretérito imperfecto da primeira conxugación (estaba).

Os verbos acabados en -servar (agás desherbar).

Este texto publicouse en A Nosa Terra Diario no 2010.

Navegación de artigos