Dúbidas do galego

Arquivo para a categoría “Deporte”

Canteirán

Din que a sociedade, en toda a súa expresión, sempre vai por diante da norma. É coma se houbese unha especie de carreira infinita entre a imaxinación humana e as leis que intentan (nin sempre o conseguen) ordenar esa imaxinación.

Algo así ocorre tamén coa lingua, que, nunca debemos esquecelo, é un vehículo para comunicar e expresar, suxeito a razóns de economía e eficiencia. Un exemplo deste comportamento é a palabra canteirán-canteirá, neoloxismo non admitido pola Real Academia Galega que vén definir o deportista que milita nalgún equipo das categorías inferiores (denominadas vulgarmente como canteira) dalgún club. “O canteirán céltico Dani Abalo prometía moito máis do que logo deu na súa madurez”.

Esta palabra non se admite no galego estándar por considerarse calco do castelán canterano. De feito, en galego sería impropio usar canteira como escola deportiva, cuxo uso tamén se considera castelanismo.

Mais o caso é que a palabra canteirán úsase dabondo nos escasos medios en galego. Por que, a pesar de que, por exemplo, tanto a Radio Galega coma a TVG contan cun equipo de filólogos que están para velar pola calidade do idioma? Pola sinxela razón de que canteirán é unha palabra eficiente, que economiza a comunicación e polo tanto, triunfa. A prensa deportiva precisa dun gran cadal de vocabulario, especialmente a televisiva. Durante unha retransmisión ou para a redacción dunha crónica, o equipo de xornalistas e comentaristas pasan unha chea de minutos (ou unha chea de parágrafos) falando deseguido sobre o mesmo tema: dous individuos ou dous equipos enfrontándose por mostraren mellor habelencia e técnica sobre un balón, unha bóla, pelota ou algún elemento semellante; grupos de persoas competindo entre si por chegaren antes a algún lugar a pé ou a bordo dalgún vehículo… En definitiva, nunha situación de gran necesidade expresiva nun campo semántico moi limitado. A necesidade de conciliar o bo estilo, a eufonía e a atención dos espectadores obriga a inventar e reiventar a linguaxe.

O castelanismo canterano define de marabilla unha figura chave nalgúns deportes, especialmente o fútbol. Antes de que se impuxese o mercado de fichaxes, especialmente o de futbolistas estranxeiros, definir un futbolista como canterano non era tan importante mais logo esa marca tiña un valor significante moi necesario. As perífrases para referirse a un xogador “da casa” ou “criado nas categorías inferiores” son ben menos expresivas que as palabras canteira e canteirán, polo que a norma debería incluír ambas como estranxeirismos necesarios. En canto ao seu significado, estaría ben dilucidar cando un deportista pertence ou non a unha determinada canteira. Case sempre se considera nos medios de comunicación que para formar parte dunha canteira, un xogador debe pertencer ao mesmo equipo entre os 14 e os 16 anos; mais outras veces a prensa deportiva utiliza a palabra canteirán como sinónimo de xogador que habitualmente pertence ao equipo filial mais que é convocado para un determinado encontro co primeiro equipo. Esta segunda opción parece menos propia. Un futbolista criado nas escolas deportivas do Almería, por exemplo, que fiche polo Celta B con 22 anos e xogue, por ventura, un partido de Copa co Celta nunca debería definirse como canteirán.

Lambendo o longueiro

Manuel Pampín é un deses nomes quizais hoxe esquecidos por moitos a quen deberían homenaxear calquera dos colectivos e institucións que se encargan de defenderen a normalización lingüística. Pampín é un xornalista que durante moitos anos foi a faciana e a voz das retransmisións de fútbol profesional na TVG. Era tal a identificación entre o melidense e o fútbol da Galega que en cada casa había unha teoría sobre se Pampín era do Deportivo ou do Celta. Nalgunhas casas había máis dunha teoría. Noutras asgurábase que era do Madrid.

Vén a conto mentalo porque el foi o pioneiro en fixar o vocabulario futbolístico no noso idioma. Con moitas dificultades, algúns desacertos e moita improvisación (algo que se pode estender a toda a relación dos medios de comunicación públicos coa lingua galega), Pampín e outros dos seus compañeiros foron integrando na lingua viva non galegofalante conceptos como canear, saque de recuncho e curruncho ou longueiro.

O abandono de Pampín da sección de Deportes da TVG coincidiu coa perda dos dereitos de retransmisión da liga da 1ª división pola Galega (o partido dos sábados) e, polo tanto, a mingua de influencia da propia canle sobre o vocabulario futbolístico. A calidade da lingua deportiva, futbolística en xeral, resentiuse nos últimos tempos, tanto na televisión coma na radio. Desleixo, falta de interese, reiteración de conceptos (o piquiño do área, di un locutor da Radio Galega unhas mil veces por partido que retransmite: en galego debera ser o bico-biquiño da área) e un proceso de castelanización que non se entende nunha compañía que segue a contar cun equipo de filólogos en nómina.

Esta entrada quere aclarar algúns termos usuais na lingua do fútbol para podermos xogar e velo sen problemas en bo galego. Antes falaba da palabra longueiro. Foi un invento, non sei se de Pampín ou doutro locutor da Galega. Se largo en galego é longo, larguero será longueiro, pensaron a finais da década do 1980. Longueiro-longueira si existe mais é un adxectivo que significa alongado e, segundo o Estraviz, en Bueu falan de longueiro no canto de aluguer ou alugador. Para definir o pau que se coloca en horizontal sobre a portaría (tamén se pode chamar porta ou meta), en galego usaremos traveseiro e debemos evitar travesaño. Os esteos sobre os que asenta o traveseiro son postes ou paus.

Os puntos de intersección entre o ancho e o longo do campo de fútbol desde os que se lanzan faltas cando o equipo defensor bota o balón fóra pola súa propia liña de fondo teñen tantos nomes coma esquina en galego: canto, recanto, recuncho, curruncho, rincón, cornello. Tamén se admite o anglicismo córner. Loxicamente, o nome do punto tamén se estende ao saque: lanzamento de canto…

En galego o anglicismo penalty adaptouse á nosa grafía como penalti. Tamén se coñece como pena máxima. Ultimamente, para que os locutores teñan amplitude léxica, estendeuse o americanismo penal, que ben se pode usar en galego.

Algúns anglicismos foron desaparecendo da lingua viva. Cando era pequeno, perpetrei algúns partidos como federado e focei algún campo de adestramento como futbolista profundamente improdutivo. O meu adestrador era un veterano moi simpático de Coia chamado Arxibai que proclamaba “Orsai, orsai!” cada vez que o árbitro ignoraba un fóra de xogo. Ese orsai era unha adaptación rotacista do offside inglés mais hoxe nin unha nin outra forma se utilizan alén do vocabulario literario.

Tampouco referee en alusión ao árbitro, a quen tamén podemos definir como xuíz. Os seus axudantes, oficialmente se chaman árbitros asistentes aínda que en galego podemos denominalos co estranxeirismo linier, liña ou xuíz de liña.

O cerne do fútbol é a pelota. Amais das elipses esférico ou coiro podemos usar bóla.

En galego é aliñación ou aliñamento, falaremos de xogadores aliñados. O árbitro amoesta (non amonesta) e hai partidos oficiais e amigables (mellor ca amistosos).

As posicións dos futbolistas sobre o campo van cambiando coas épocas. Hoxe ninguén fala de medio volante nin de marcador ou líbero (tamén chamado home libre). Podemos, en xeral, falar de porteiro ou gardameta, tamén de gardamallas e cérbero (alusión ao can que gardaba o inferno segundo a mitoloxía grega). Cancerbeiro é unha forma castrapa ca forma castelá antiga cancerbero que curiosamente leva o noso can. Se nos gusta manter o nome do can no nome, o ideal sería crear o neoloxismo cancérbero. Defensas ou zagueiros son os laterais e os centrais. Por diante da defensa xoga o mediocentro que ás veces tamén se chama pivote, se ten unha posición máis estática. Nos tempos nos que Javier Irureta adestraba o Deportivo, a prensa inventou o neoloxismo trivote, que definía un sistema no que até tres mediocampistas (mellor que centrocampistas) se situaban na parcela central do terreo de xogo. Polas bandas antes xogaban os extremos, agora poden xogar os carrileiros, os interiores ou os obsoletos volantes (non voantes xa que non voan senón que reciben o nome por guiaren o xogo, igual ca o volante dun coche). Os cerebros do mediocampo adoitan chamarse organizadores ou mediocampistas centrais. Na posición de enlace entre o medio do campo e a dianteira, destaca a figura do mediapunta. Aínda que en desuso, a palabra ariete pode usarse como sinónimo de atacante. Hoxe hai moita variedade, a última novidade (moi querida por Vicente del Bosque, por exemplo) é a figura do falso nove, un mediapunta creativo que se sitúa como dianteiro mais que está constantemente atrasando a súa posición para participar na creación de xogo e tirar os defensores da súa zona de conforto en torno á área.

Os e as futbolistas levan sempre un uniforme composto por camiseta (ou camisola e camisa), pantalóns (ou calzóns), medias e botas. As camisetas adoitan ser lisas ou a listas (palabra máis viva e propia ca faixas ou franxas), máis comúns en vertical no fútbol galego. Si podemos usar franxa para sinalar eses pequenos engadidos de tea de diferente cor que adornan as beiras dos calzóns ou disimulan as costuras dos ombreiros.

Como non só hai espectáculo no céspede, na bancada (mellor ca grada) tamén podemos desfrutar tanto coma no banco (mellor ca banquiño ou banquillo). A afección ou seareiros e seareiras (mellor ca afición) adoitan aplaudir, cantar e faceren a onda (non ola). E como din os Ataque Escampe, se non hai emoción o público non vibra. E incluso pode apupar ou abouxar (mellor ca abuchear) a actuación dos xogadores ou as decisións arbitrais. Se o xogo é moi malo, é o propio adestrador (mellor ca entrenador) quen rifa ou reprende ou lles pon unha requesta (mellor calquera destas opcións ca abroncar) o seu equipo.

Seguro que tendes na cabeza outras palabras do vocabulario do fútbol das que dubidades se son ou non galegas. Deixade os vosos comentarios e iremos mellorando a nosa lingua entre todos.

Maniotas no ximnasio

A memoria é fráxil. En especial a memoria da internet, pensada para chegar a todas as partes, máis efémera que calquera outra manifestación plástica humana, puros deseños na area húmida da praia, que desaparecen na primeira onda. Hai cinco anos, María Yáñez impulsara, xunto con Antón Reixa, Belén Regueira, Iago Martínez e Xabier P. Docampo, GalegoLab, unha iniciativa de promoción do idioma galego a través das novas ferramentas e accións que posibilitaban as redes sociais e a linguaxe da denominada internet 2.0. Hoxe o proxecto coido que xa non existe pero recordo que como usuario podías promover diferentes actividades que servisen para difundir o galego. Non recordo ben pero até penso que algo propuxen, sen éxito. O que si recordo, algo menos vagamente, foi un proxecto para galeguizar os ximnasios. A idea era facilitar a entrada do noso idioma nestes establecementos e ao mesmo tempo atraer novos públicos á nosa lingua.

Recordando aquela historia, hoxe falaremos de ximnasios, da lingua galega que utilizamos neste ámbito. Hai dous tipos de léxico: o específico, baseado en neoloxismos que case nunca teremos que traducir ou adaptar e o máis xeral, castelanizado mais facilmente adaptable á nosa fala.

No ximnasio encontramos moitos termos que non precisan tradución: bicicleta estática, elíptica, colchoneta, pelota, chándal, mallas, toalla, ducha, sauna… Mais nalgúns casos debemos estar atentos para non usarmos castelanismos innecesarios. Cada unha das pezas que en castelán se denominan pesa ou mancuerna,  en galego debemos chamala peso ou haltere. “No ximnasio non fago exercicio aeróbico, só levanto pesos”. “Aquí non compraron halteres de máis de dous quilos”.

Os aparellos de ximnasia máis comúns son o plinto, o poldro, as argolas (en castelán, anillas) e a espaleira (espaldera, en castelán). Os elementos que se usan acotío no pilates e outros exercicios son aros, bandas elásticas e ourizos. O ourizo é un neoloxismo para definir un elemento plástico e inestable que favorece o aumento da propriocepción e o equilibrio. O nome vénlle da semellanza dunha das superficies coas pugas deste animaliño tan simpático.

No caso das denominacións das diferentes actividades lúdico-deportivas dos ximnasios, non hai diferenza entre as formas xa asentadas: judo, karate, tae kwondo… das máis novas: zumba, pilates, aerobox, step… Todas se grafan coa forma orixinal nas linguas de orixe. Hai casos concretos onde a norma decidiu adaptarse, por exemplo en ioga. Outras disciplinas convén grafalas con maiúsculas porque responden a siglas: GAP é un resumo de glúteos, abdominais e pernas, por exemplo.

Debemos tamén recordar como se denominan en galego as partes do corpo: xeonllos en vez de rodillas; nocellos en vez de tobillos; costas en vez de espalda; cadeiras ou cadrís; cóbado en vez de codo; pulso en vez de muñeca; caluga en vez de nuca; coroa ou cocorota en vez de coronilla; barriga da perna en vez de pantorrilla; coxa en vez de muslo; embigo en vez de ombligo.

Unha consecuencia case natural do exercicio físico, en especial nas primeiras sesións, son as maniotas. Si, así se chaman en galego a esas molestias musculares que temos tras expor o corpo a un esforzo non habitual, que en castelán se chaman agujetas. Por certo, para eliminalas, iso de tomar auga con azucre é un atraso. Mellor estira antes e despois do exercicio e vai aumentando a carga de traballo progresivamente.

Palomita

En galego, a palabra castelá paloma debemos substituíla por pomba, cando nos refiramos á ave. Paloma é unha palabra con moitos significados en castelán, especialmente na lingua vulgar. Sería un erro traducir en todos os casos a paloma castelá pola pomba galega. Nalgúns casos, como hueso palomo, a tradución ao noso idioma sería cóccix ou óso cóccix. Nos casos de significados especializados (en fontanaría, medicina…) debemos acudir á palabra culta xa que na meirande parte dos casos, esas definicións son populares e cambian dun lugar a outro.

A cría da pomba non se di pichón en galego (este é un italianismo no castelán, seguramente porque de alá trouxeron o costume de comer os polos de pombo). Porque o pichón é unicamente o pito de pombo caseiro, é dicir, aquel que se criaba para comer. A pomba era un animal moi consumido en Galicia, de aí que en case todos os pazos haxa pombais. Para definir tanto o fillote da pomba coma o prato confeccionado con esta ave debemos empregar pombiño ou pombo. “Fai un guiso de pombo (ou pombiño) que é unha delicia”.

Pichón tamén se usa para referirse a alguén cariñosamente. Nese caso utilizaremos calquera dos substantivos afectivos do idioma. Rula ou rola, amais de definir a ave (por certo moi semellante á pomba) tamén serve para este contexto: “Ruliña, dáme un bico, ho”.

No castelán as palomitas definen o gran de millo tostado e rebentado que se consome con sal ou azucre.  O galego estándar aconsella usar floco de millo. “Cómprame uns flocos de millo e unha auga”. O problema é que floco é unha palabra da que o galego estándar abusa na tradución de produtos “novos” na nosa alimentación. Porque, sen saír do exemplo, que lle compramos? Porque flocos de millo tamén son os cereais para o almorzo, a non ser que sexan feitos de trigo, que entón si que son flocos de trigo ou flocos a secas. Demasiados flocos tendo en conta que un floco tamén é o conxunto de fíos que se desprenden dun tecido e a porción de cabelo que cae sobre a testa (a perrera).

De aí que tendo en conta que o millo rebentado é un invento moderno e non hai necesidade de confundir os falantes con polisemias pouco xustificadas, o mellor é acudirmos ao portugués. Alí, o popcorn inglés chámase pipoca, unha bonita palabra de orixe tupí (a cultura indíxena do Brasil, entre outros países actuais). “Non che compro pipoca que fas moito barullo ao comela e non dou visto a película”. Floco queda para definir o cereal que comemos mollado en leite.

No fútbol en España, unha palomita é unha parada realizada cos pés no aire e o corpo completamente estirado. En galego non existe un termo concreto para ese movemento (en inglés chámanlle diving save). Debemos usar estirada ou inventar algún outro nome. Non é tan estraño isto último, tendo en conta que a palomita en Chile, por exemplo, define un remate de cabeza en prancha, coas pernas no aire.

O fútbol leva só 120 anos entre nós. Podemos actualizar o seu campo semántico. Se non, outros farano por nós.

Zagueiro

Xa teño falado de como a norma do galego estándar é bastante restritiva co vocabulario futbolístico e deportivo en xeral. A palabra zagueira-o co significado de xogadora ou xogador que fai labores defensivas nun equipo, especialmente no fútbol, é considerada incorrecta. O VOLG recomenda cinxirnos á palabra defensa.

Zagueiro é un empréstimo do español de América –seguramente da Arxentina ou do Uruguai–, xurdido da imaxinación dalgún locutor de radio que ficou sen sinónimos suficientes para o seu relato minuto a minuto dun partido de fútbol. Porque esa é a razón principal de que no vocabulario deportivo haxa tantos sinónimos. Imaxinades a transmisión dun partido en base só a quince ou vinte palabras? Hoxe son malos os tempos para a locución deportiva. Nas Galegas (radio e televisión) non houbo un profesional digno de tal nome des que Manuel Pampín deixou a sección de Deportes. Nas cadeas españolas a cousa aínda é peor. A narración non enriquece e é por iso que lles cómpre a cada redactor un “comentarista” que polo menos engade datos relevantes sobre táctica, historia ou curiosidades aínda que o seu estilo comunicativo sexa case sempre escaso.

Diante desa necesidade de palabras que amplíen o campo semántico do deporte, no Brasil (país no que a locución deportiva é unha arte) adoptaron e adaptaron o zaguero austral ao zagueiro que se converteu en palabra principal para lle chamar ao que no noso fútbol é un defensa central.

A palabra zagueiro non ten nada en contra para se incorporar ao galego correcto. Un zagueiro sería un membro da zaga, palabra que curiosamente si se admite no dicionario da RAG co significado de parte posterior dalgunha cousa ou, velaí a incoherencia, “a defensa dun equipo de fútbol”.

Zaga é un empréstimo do castelán, tomado da fala andalusí saca (retagarda), xa presente no portugués na Idade Media coa forma de saga. Definiu durante séculos o conxunto de tropas que durante unha batalla permanecían na parte de atrás, con labores de defensa do seu arraial (acampamento e zona onde permanecían os reis, nobres, mestres de campos e demais altos oficiais). O paso dun termo militar á linguaxe futbolística é moi común: atacante, ariete, canonazo…

 

Derbi

Esta palabra vive un momento de crise en castelán ao tempo que mantén unha enorme popularidade en galego. Antigamente, para definir os Barça-Madrid e viceversa usábase derby –aínda que a Real Academia Española ordena grafalo como derbi– mais ultimamente prefírese o termo “clásico”, seguindo a escola xornalística arxentina, que consagrou o River-Boca como o gran clásico do fútbol sudamericano.

Derbi non aparece nin no VOLG nin no dicionario da Academia Galega. Si noutros dicionarios e manuais, con dous significados: carreira de cabalos anual celebrada en Epsom (Inglaterra) ou partido deportivo, especialmente de fútbol, cuxos equipos envolvidos teñen gran rivalidade entre si, por proximidade ou competencia xeográfica ou por destacaren no domnio dunha determinada competición.

Polo tanto, é correcto falar de derbi cando nos refiramos a un Dépor-Celta e máis correcto aínda é chamarlle a este partido “o noso derbi” pois os dous clubs son sobranceiros no fútbol galego e o seu peso específico no fútbol profesional non ten comparación con ningún outro conxunto. Iso non quita que se poida falar de derbi cando xoguen Dépor contra Rácing de Ferrol; Pontevedra contra Celta ou calquera outra combinación entre equipos que manteñan unha rivalidade asentada na historia pola razón que sexa.

Como a palabra derbi chegou ao noso idioma? A resposta hai que buscala no desenvolvmenento da prensa de masas. Derby, en efecto, foi primeiro unha persoa, Edward Smith-Stanley, duodécimo conde de Derby. Conta a lenda que no 1779, un grupo de nobres e altos burgueses moi afeccionados ás carreiras hípicas argallaron unha competición singular para poderen competir en alegría. A xuntanza celebrouse na quinta The Oaks (Os Carballos) de Lord Derby, que se converteu desde o primeiro momento en benefactor da corrida. A lenda prosegue explicando que logo dunha primeira edición, non lles acababa de chistar chamarlle ao campionato carreira de Epsom (lugar onde se celebra) e decidiron botar ás sortes se bautizar o evento co nome de Derby ou de Charles Bunbury, a persoa que máis sabía de cabalos de carreiras naquela altura no Reino Unido. Ao final, a moeda inmortalizou o nome de Derby. Bunbury tamén hoxe é algo popular pero non ten nada a ver con cabalos, non si?

O caso é que a carreira de Derby acabou convertida na principal referencia deportiva na Inglaterra do século XIX, cando o fútbol aínda era só un deporte plebeo no que unha aldea xogaba contra outra xutando nun balón feito de trapos congostra arriba congostra abaixo sen apenas regras. O gramado do resío da pista de area de dez iardas (2,423 km) é aínda hoxe pasarela de moda de sombreiros e data obrigada para que aquela burguesía e nobreza que inventaron o trofeo hai xa máis de 230 anos siga a facer negocios, contactos e amizades.

Cando a finais do século XIX a prensa se converteu nun fenómeno masivo, a palabra derby pasou a ser metáfora dunha gran competición deportiva. Cando se celebraba un combate polo título mundial de boxeo, falábase de derby; cando os equipos de remo de Oxford e Cambridge se retaban, tamén era un derby. E así, do inglés pasou ao castelán, ao portugués e ao galego. Se falamos de que un potosí é unha gran cantidade de riqueza, un derbi é un grande evento deportivo. Co tempo, a palabra circunscribiuse aos partidos de máxima rivalidade, un matiz xa presente tamén no inglés británico.

Como ocorre moitas veces, a popularización da palabra derbi quixérona rendibilizar para o turismo algunhas forzas vivas da rexión inglesa do Derbyshire. Así que inventaron a teoría de que en realidade o nome chegara á prensa como consecuencia da gran rivalidade que se vivía no partido anual de fútbol (ese fútbol do que falamos uns parágrafos antes) entre os veciños de Ashbourne, vila que aínda hoxe conserva ese partido-festa, que dura dous días e que divide a metade da localidade en dous equipos irreconciliables que puxan e empurran por levar o balón (hoxe confeccionado con cortiza portuguesa) cara a algunha das portas separadas entre si por tres millas (4,827 km). A tradición marca o comezo deste partido tan singular no século XII.

Líbero

Non sei se aínda hai equipos que xogan con líbero. Deduzo que nas escolas de fútbol esta figura estudarase, aínda que só sexa na materia da historia deste deporte.

A figura do líbero ten algo de mítica porque define un xogador que aínda estando na defensa, tiña liberdade de movementos, polo que adoitaba dirixir o xogo e incluso chegar á área e rematar á porta. Como líberos xogaron Franz Beckenbauer e practicamente todos os que logo levaron o alcuño de Kaiser.

Hoxe en día apenas hai equipos que xoguen con defensa de cinco (lateral dereito, defensa marcador, líbero, defensa central e lateral esquerdo) e parte das responsabilidades do tradicional líbero forman parte do oficio do pivote defensivo, medio centro defensivo ou medio vasoira, que é como lle chamaban a quen xogaba aí no instituto Castelao do Calvario de Vigo, onde eu estudei o BUP e o COU.

Nos últimos meses a palabra líbero tamén serve para definir unha revista futbolística de excelente feitura e contidos de calidade na que a man de varios galegos se nota e se agradece. Pena que este non sexa o lugar para gabar a valentía dos varios grupos de xornalistas que se lanzaron a facer novos produtos confiando só en que o labor honrado e creativo feito con rigor arrastre lectores, compradores e, polo tanto, ingresos cos que se manteren.

O caso é que líbero non é unha palabra admitida polo galego estándar. Non aparece nos dicionarios e o criterio filolóxico máis común por parte dos lingüistas galegos é descartar a palabra por ser innecesario estranxeirismo. Algúns, como Benigno Fernández, propoñen substituílo por libre ou defensa libre, tradución literal do termo italiano que se exportou a todo o mundo onde se xoga ao fútbol.

Estou en desacordo. Os neoloxismos teñen sentido cando ocupan espazos que a lingua autóctona ten ao descuberto. A palabra líbero inventouse para unha función até ese momento descoñecida e o seu éxito popular foi inmediato e absoluto.

Está admitido no portugués brasileiro e no castelán. Non hai ningún impedimento para usalo en feminino: “Na selección galega, esa xogadora da que falas non ocupaba o posto de central senón de líbera”.

Abuchear

Verbo moi querido polo periodismo deportivo. En tempos tamén debeu usarse moito na crónica de espectáculos pero hoxe penso que fóra dos campos de fútbol só se reproba a actuación dos políticos e non a dos actores.

En galego non é correcto. Debemos substituílo por abouxar ou apupar. Abouxar, en orixe, significaba deixar a alguén xordo. Por extensión, podemos usalo para definir o son de reprobación, normalmente baseado en asubíos e berros. Por iso tamén é común é correcto empregar os verbos asubiar e berrar como sinónimos concretos. “Todo Balaídos asubioulle ao árbitro”.

Apupar é menos usado pero máis acaído pois significa manifestar protesta ou desacordo con alguén. Tamén berrar alto e incluso escorrentar a urros un animal. “Centos de manifestantes apuparon o alcalde na inauguración da obra”.

Ala Celta

Non vou dar conta aquí da miña gran ledicia polo ascenso do Celta. Alegría que é completa porque na tempada próxima Galicia terá os seus dous grandes equipos xogando na elite.

O fútbol triunfou socialmente porque lle dá un protagonismo enorme á afección. A xente séntese identificada por unhas cores e participa activamente dun espectáculo que non fica unicamente no céspede.

De aí tan importante o berro de alento, o lema que o seareiro (non siareiro; xa falaremos desta palabra noutra hora) escolle para defender e animar o equipo. Na Coruña triunfou o Forza Dépor, unha forma moi galega de quecer os branquiazuis e que empata co sentido portugués da palabra no contexto de dar uma força (unha axuda).

Na Galicia celeste é máis común dicir ala Celta, así, sen h, xa que hala é un castelanismo. Ala é unha interxección utilizada para infundir ánimos en calquera situación comprometida: “Ala, neniña, un pasiño máis e xa sobes ao alto da escaleira”. O seu uso no fútbol é común en todo o Estado e amais de no himno dos célticos está presente nos cánticos do Madrid, por exemplo.
Recordemos que o ala futbolístico ten moito a ver co allez francés, cun significado parello. Cando a selección francesa dominaba o mundo, as bancadas berraban “allez les bleus, allez les bleus”. Hoxe, que a gloria se pasea polos barrios e aldeas que respiran en azul ceo, a cantiga “ala Celta” resoa máis leda ca nunca.

Cros

Soa máis cross, non si? Pois ben, para definir os deportes que consisten en correr unha determinada distancia ao aire libre sobre terreo natural, o galego prefire a forma cun só s.

En orixe, ese cross vén do inglés, que lles chamaba ás carreiras campo a través cross country. Do atletismo, o termo cross pasou ao ciclismo (ciclocrós), ao automobilismo (autocrós) ou ao motociclismo (motocrós). Nos casos dos compostos temos dúas opcións: ou escribir así, todo xunto e con til no o ou separado: moto cros, ciclo cros, auto cros.

Navegación de artigos