Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Lambendo o longueiro

Manuel Pampín é un deses nomes quizais hoxe esquecidos por moitos a quen deberían homenaxear calquera dos colectivos e institucións que se encargan de defenderen a normalización lingüística. Pampín é un xornalista que durante moitos anos foi a faciana e a voz das retransmisións de fútbol profesional na TVG. Era tal a identificación entre o melidense e o fútbol da Galega que en cada casa había unha teoría sobre se Pampín era do Deportivo ou do Celta. Nalgunhas casas había máis dunha teoría. Noutras asgurábase que era do Madrid.

Vén a conto mentalo porque el foi o pioneiro en fixar o vocabulario futbolístico no noso idioma. Con moitas dificultades, algúns desacertos e moita improvisación (algo que se pode estender a toda a relación dos medios de comunicación públicos coa lingua galega), Pampín e outros dos seus compañeiros foron integrando na lingua viva non galegofalante conceptos como canear, saque de recuncho e curruncho ou longueiro.

O abandono de Pampín da sección de Deportes da TVG coincidiu coa perda dos dereitos de retransmisión da liga da 1ª división pola Galega (o partido dos sábados) e, polo tanto, a mingua de influencia da propia canle sobre o vocabulario futbolístico. A calidade da lingua deportiva, futbolística en xeral, resentiuse nos últimos tempos, tanto na televisión coma na radio. Desleixo, falta de interese, reiteración de conceptos (o piquiño do área, di un locutor da Radio Galega unhas mil veces por partido que retransmite: en galego debera ser o bico-biquiño da área) e un proceso de castelanización que non se entende nunha compañía que segue a contar cun equipo de filólogos en nómina.

Esta entrada quere aclarar algúns termos usuais na lingua do fútbol para podermos xogar e velo sen problemas en bo galego. Antes falaba da palabra longueiro. Foi un invento, non sei se de Pampín ou doutro locutor da Galega. Se largo en galego é longo, larguero será longueiro, pensaron a finais da década do 1980. Longueiro-longueira si existe mais é un adxectivo que significa alongado e, segundo o Estraviz, en Bueu falan de longueiro no canto de aluguer ou alugador. Para definir o pau que se coloca en horizontal sobre a portaría (tamén se pode chamar porta ou meta), en galego usaremos traveseiro e debemos evitar travesaño. Os esteos sobre os que asenta o traveseiro son postes ou paus.

Os puntos de intersección entre o ancho e o longo do campo de fútbol desde os que se lanzan faltas cando o equipo defensor bota o balón fóra pola súa propia liña de fondo teñen tantos nomes coma esquina en galego: canto, recanto, recuncho, curruncho, rincón, cornello. Tamén se admite o anglicismo córner. Loxicamente, o nome do punto tamén se estende ao saque: lanzamento de canto…

En galego o anglicismo penalty adaptouse á nosa grafía como penalti. Tamén se coñece como pena máxima. Ultimamente, para que os locutores teñan amplitude léxica, estendeuse o americanismo penal, que ben se pode usar en galego.

Algúns anglicismos foron desaparecendo da lingua viva. Cando era pequeno, perpetrei algúns partidos como federado e focei algún campo de adestramento como futbolista profundamente improdutivo. O meu adestrador era un veterano moi simpático de Coia chamado Arxibai que proclamaba “Orsai, orsai!” cada vez que o árbitro ignoraba un fóra de xogo. Ese orsai era unha adaptación rotacista do offside inglés mais hoxe nin unha nin outra forma se utilizan alén do vocabulario literario.

Tampouco referee en alusión ao árbitro, a quen tamén podemos definir como xuíz. Os seus axudantes, oficialmente se chaman árbitros asistentes aínda que en galego podemos denominalos co estranxeirismo linier, liña ou xuíz de liña.

O cerne do fútbol é a pelota. Amais das elipses esférico ou coiro podemos usar bóla.

En galego é aliñación ou aliñamento, falaremos de xogadores aliñados. O árbitro amoesta (non amonesta) e hai partidos oficiais e amigables (mellor ca amistosos).

As posicións dos futbolistas sobre o campo van cambiando coas épocas. Hoxe ninguén fala de medio volante nin de marcador ou líbero (tamén chamado home libre). Podemos, en xeral, falar de porteiro ou gardameta, tamén de gardamallas e cérbero (alusión ao can que gardaba o inferno segundo a mitoloxía grega). Cancerbeiro é unha forma castrapa ca forma castelá antiga cancerbero que curiosamente leva o noso can. Se nos gusta manter o nome do can no nome, o ideal sería crear o neoloxismo cancérbero. Defensas ou zagueiros son os laterais e os centrais. Por diante da defensa xoga o mediocentro que ás veces tamén se chama pivote, se ten unha posición máis estática. Nos tempos nos que Javier Irureta adestraba o Deportivo, a prensa inventou o neoloxismo trivote, que definía un sistema no que até tres mediocampistas (mellor que centrocampistas) se situaban na parcela central do terreo de xogo. Polas bandas antes xogaban os extremos, agora poden xogar os carrileiros, os interiores ou os obsoletos volantes (non voantes xa que non voan senón que reciben o nome por guiaren o xogo, igual ca o volante dun coche). Os cerebros do mediocampo adoitan chamarse organizadores ou mediocampistas centrais. Na posición de enlace entre o medio do campo e a dianteira, destaca a figura do mediapunta. Aínda que en desuso, a palabra ariete pode usarse como sinónimo de atacante. Hoxe hai moita variedade, a última novidade (moi querida por Vicente del Bosque, por exemplo) é a figura do falso nove, un mediapunta creativo que se sitúa como dianteiro mais que está constantemente atrasando a súa posición para participar na creación de xogo e tirar os defensores da súa zona de conforto en torno á área.

Os e as futbolistas levan sempre un uniforme composto por camiseta (ou camisola e camisa), pantalóns (ou calzóns), medias e botas. As camisetas adoitan ser lisas ou a listas (palabra máis viva e propia ca faixas ou franxas), máis comúns en vertical no fútbol galego. Si podemos usar franxa para sinalar eses pequenos engadidos de tea de diferente cor que adornan as beiras dos calzóns ou disimulan as costuras dos ombreiros.

Como non só hai espectáculo no céspede, na bancada (mellor ca grada) tamén podemos desfrutar tanto coma no banco (mellor ca banquiño ou banquillo). A afección ou seareiros e seareiras (mellor ca afición) adoitan aplaudir, cantar e faceren a onda (non ola). E como din os Ataque Escampe, se non hai emoción o público non vibra. E incluso pode apupar ou abouxar (mellor ca abuchear) a actuación dos xogadores ou as decisións arbitrais. Se o xogo é moi malo, é o propio adestrador (mellor ca entrenador) quen rifa ou reprende ou lles pon unha requesta (mellor calquera destas opcións ca abroncar) o seu equipo.

Seguro que tendes na cabeza outras palabras do vocabulario do fútbol das que dubidades se son ou non galegas. Deixade os vosos comentarios e iremos mellorando a nosa lingua entre todos.

Advertisements

Single Post Navigation

11 reflexións sobre “Lambendo o longueiro

  1. Eu de fútbol cero patatero pero aínda hai máis palabras como o chifre ou asubío do árbitro ou as tarxetas ou cartóns de cores amarela e vermella; suplentes, recollepelotas, e máis que non me veñen á mente. Lembro de pequeño cando xogabamos o de darlle un barrenón, punteirón ou punteirolo e outro mundo aparte sería os servizos médicos coa padiola, o réflex e os accidentes do corpo e as súas partes, etc.

  2. Bo artigo, mais non puxeches os sinónimos do “Dicionário galego do futebol” da AGAL. Eles case todo o eliminan, porque o consideran castelanismos. Haber eu hai algunhas cousas que penso que se poden considerar castelanismo, mais a maioría poden convivir sendo sinónimos..
    Así que un sinónimos de traveseiro ou longueiro, sería trabe. Amais de saque e lanzamento, tamén podemos usar puntapé. E gardarredes sería un sinónimo de porteiro, gardameta…
    E aínda che faltou falar das luvas, caneleiras… E iso que penso que fixeches un artigo máis longo cós últimos. Que grande é o futebol!
    E que eu saiba, mediocentro non está admitido (por agora). Normativamente é mediocampista ou centrocampista.

    • Un mediocampista é calquera xogador que ten como posición o medio campo. Un mediocentro é unha función concreta dentro do esquema de xogo; adóitase colocar por diante da defensa e detrás dos medios máis creativos como enlace entre liñas e coas principais encargas de cortar os ataques rivais e servir balóns para os seus compañeiros máis adiantados.

      • Entón, mediocentro é a posición do Xabi Alonso, Sergio Busquets, Tiago, Álex Bergantiños, Augusto… E eu pensando que se chamaba pivote (ou dobre pivote, coma cando xogaban xuntos o Xabi Alonso e o Sergio Busquets na selección española).

    • Postdata: biqueira, calcañar, equipa de futebol…

  3. Estaría ben que fixeras artigos coma este, mais doutros deportes (automobilismo, tenis, baloncesto, balonmán, motociclismo, ciclismo, natación, balonvolea…). E mais ao estarmos en ano olímpico.
    Por exemplo, na F1 sei bastante vocabulario, mais en castelán; ao non dar a F1 en galego, pois nalgunhas cousas non atopo unha tradución axeitada (efecto suelo? Efecto chan, sería unha tradución demasiado literal e non soa moi ben).
    E agora que o penso, ao futebol tamén se lle chama balonpé, non? Ou é un castelanismo?

  4. *offside. Pampín é un grande do xornalismo deportivo galego, moi pouco reconhecido. Noraboa polo artigo

  5. 1° parágrafo : Noutras asgurábase* que era do Madrid.
    Comícheste unha letra, debías ter fame. Fáltache o “e”, tería que ser asegurábase.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: