Dúbidas do galego

Arquivo para a categoría “Tecnoloxía”

O dicionario castelán-galego de Rinoceronte

É xa un tópico dicir que Galicia é un país pequeno, atrasado nalgunhas cousas e cunha política cultural deficiente. É certo e sobran argumentos para demostralo.

Mais tamén Galicia ten unha gran capacidade para desenvolver proxectos, pequenos, imaxinativos, diversos, nacidos da iniciativa particular ou da empresa privada, que suplen esas carencias que non queren cubrir as institucións públicas que, en teoría, deberían levalas a cabo.

De aí que sexa unha gran noticia a publicación do dicionario castelán-galego en liña que desenvolveu o grupo editorial Rinoceronte.

Nas poucas semanas que leva operativo, eu mesmo, que me dedico ao xornalismo e á edición, utiliceino, polo pouco, un cento de veces. Quixen aproveitar esta necesidade profesional para probar a ferramenta, espremela, ver até onde dá. E logo vírvolo contar aquí, xa que coido que a aparición deste dicionario é, sen lugar a dúbidas, un dos grandes avances do último lustro para as persoas interesadas en resolveren as súas dúbidas a respecto da lingua galega e mellorar a súa expresión.

O dicionario é moi completo. Apenas me encontrei con termos que non recolla e as súas definicións son de gran calidade. Tendo en conta que o dicionario aínda está nas primeiras semanas de vida, é de supoñer que no futuro terá maior riqueza, o que augura un nivel de precisión e de recursos notable.

Rinoceronte é unha editorial centrada, principalmente, na tradución ao galego. O seu director, Moisés Barcia, ten dito que o dicionario naceu da necesidade que o persoal tradutor tiña de acceder ás formas correctas en galego, especialmente daqueles conceptos que están máis estendidos (case interiorizados) en castelán. Polo tanto, a xenerosidade do grupo editorial é dobre: á parte de permitir a consulta gratuíta, pública e universal do valor engadido durante estes anos, desenvolveu unha ferramenta actual, fácil de usar, robusta e rápida mercé aos seus propios recursos, sen ningún apoio institucional ou patrocinio cultural.

Só me queda recomendarvos que o usedes. Eu mesmo descubrín grazas a el que moitos conceptos que achaba propios, en realidade son estranxeirismos. Por suposto que nalgúns casos podo estar disconforme ao prescribir determinados usos, mais iso non depende deste dicionario, que se cinxe escrupulosamente á normativa do galego e ás decisións autorizadas sobre o vocabulario do idioma galego.

Adiántovos que no futuro, moitos dos textos que vaia incorporando a este blog han ter como base de referencia ou apoio este novo dicionario.

Hercio

Un dos campos débiles da normalización do idioma galego é o da tecnoloxía. Padecemos en Galicia un dominio case completo do castelán en terminoloxía científica, non só na académica, onde a penetración da nosa lingua é escasa –malia certa sensación social contraria– senón tamén no vocabulario máis popular, o que usamos no día a día cando compramos aparellos ou utilizamos aplicacións.

Hercio é unha palabra moi usada. É outro castelanismo, non considerado incorrecto pola Real Academia Galega senón pouco recomendable.

A palabra galega é máis fiel á orixe do termo: hertz.

O hertz é unha medida de frecuencia aceptada polo sistema internacional de valores. Equivale á frecuencia dun fenómeno cuxo período é un segundo de tempo.

O nome desta unidade homenaxea o descubridor da propagación das ondas electromagnéticas, Heinrich Rudolf Hertz, un físico de Hamburgo que viviu na segunda metade do século XIX.

En diferentes campos atoparemos esta medida co prefixo mega: a palabra correcta en galego é megahertz. O plural constrúese engadindo -s. “O procesador do meu ordenador ten unha velocidade de 2 megahertzs”.

A RAG incorpora vocabulario informático

O Dicionario da Real Academia Galega (DRAG) nunca se caracterizou pola súa capacidade de adaptación aos novos usos lingüísticos. Teño falado en varias ocasións da necesidade de rapidez para impedir que os neoloxismos nos cheguen por vía castelá, sen adaptar, sen posibilidade de reconducilos a través do noso léxico tradicional, moito máis versátil do que ás veces se cre.

Esta tendencia do DRAG pode ser que estea a cambiar, segundo vemos nas últimas actualizacións publicadas na súa versión dixital. Nos últimos tempos incorporáronse ao galego estándar termos da informática que levaban xa décadas no vocabulario da rúa: navegador, tarxeta gráfica, ofimática, descarga de memoria, caché, cable de conexión, ADSL, acceso remoto…

Noutros casos, adaptouse o galego parte do vocabulario das novas tecnoloxías para evitar xustamente que sexa o castelán quen monopolice eses usos: largura de banda mellor que ancho de banda; fila de impresión mellor ca cola de impresión…

Tamén a RAG optou por lexitimar formas novísimas da linguaxe das redes sociais, caso do verbo rechouchiar coa definición de compartir un chío alleo en Twitter. De feito, o verbo rechouchiar non existía até agora no galego estándar, só dispuñamos de rechouchío: chío continuado dos paxaros.

Cando se traduciu o Twitter ao galego houbera certa polémica entre os defensores das formas polas que optaran no Brasil: tuitar, retuitar (na liña de telefonar, por exemplo) ou a forma chiar, rechouchiar ou rechiar. A RAG sanciona coa súa aprobación a segunda liña. Neste caso, é evidente que entre os galegofalantes que usan esa rede social triunfou máis a liña de chío/rechouchío.

Tamén ultimamente a RAG aclarou a súa postura sobre a dúbida de Internet/internet. No ‘Dúbidas…’ xa falamos do tema, a propósito de certas eivas do DRAG, xustamente. Agora, a autoridade lingüística recomenda que se use con maiúscula inicial e sen artigo: “A xente xa só le a prensa en Internet”. Sigo a pensar o mesmo que cando escribín aquel artigo: seguirei a desoír a recomendación académica e articulala en feminino en con minúsculas.

Por certo, a pesar das moitas incorporacións das últimas datas, a RAG esqueceuse de ampliar o significado de arroba. Visto o cambio, seguro que de aquí a pouco o amañan.

O Tesouro do Léxico Galego e Portugués

Teño unha ampla familia, toda galegofalante. A de sempre vive máis ou menos concentrada nas comarcas do Paradanta e Vigo. A nova, a que tomei da miña muller, Eva, vive entre a Limia (iso de Alta e Baixa é un pouco cacofónico) e Catalunya. Despois de catro décadas fóra seguen a manter o sotaque limiao e un vocabulario que a min se me fai peculiar por ser orixinario doutra comarca.

Cando a Eva falaba de rabisacos, de celamíns ou de carraspiños a min faltábame o tempo para ir aos dicionarios averiguar que significaban esas palabras. Nalgúns casos tiven éxito, noutros aínda sigo na busca. O mesmo me pasou na Maraña e en Cequeliños, onde o cadal de palabras herdadas dos meus avós, aínda que moi diminuído polo paso do tempo, se mantén en ducias de expresións propias da nosa familia, compartidas ás veces coa veciñanza e outras propiamente nacidas da experiencia da casa.

Por exemplo, miñas tías maternas (teño cinco) poden recibir a alguén cun sorpresivo: “Puxécheste ben basilio con dous días que fuches á praia”. Basilio? Para alguén de fóra do contorno inmediato soaralle a chinés. Pois ben, o enigma ten sinxela solución: o meu avó materno, que se chamaba Baltasar, tivo a ocorrencia, nalgún momento entre o 1970 e o 1980 de tomar o cantante Basilio (un panameño cuxo nome completo era Basilio Fergus Alexandre) como metonimia da negritude. O exitoso intérprete de “Cisne cuello negro cisne cuello blanco” pasou a definir co seu nome de pía non unha persoa negra senón alguén que adquire esa cor, ben por broncearse ben por andar na terra ou na borralla. “Andamos teu pai e mais eu basilios de todo cavando nas baleiras”, pódeche saltar miña nai.

O vocabulario popular está considerado coma un tesouro pola filoloxía, pola literatura e –debería– polas autoridades de Galicia, xa que a construción lingüística é un esforzo de séculos que se foi elaborando peza a peza coma quen coloca teselas no mosaico da cultura, orgullosa mostra do que somos diante do mundo. E como interesado nas palabras, na súa orixe e na súa pervivencia, estou encantado coa iniciativa do Tesouro do Léxico Galego e Portugués que se pode consultar aquí. É unha base de datos moi valiosa (aínda que incompleta) que agardo se vaia completando, unha ferramenta máis para aprendermos xa non só que significa unha palabra senón en que lugares está viva.

Para moitos, o galego normalizado é unha especie de morto vivente construído con palabras mortas. É unha visión reducionista. Moitas das palabras que damos por enterradas (porque non as oímos no noso contorno) gozan de boa saúde noutras latitudes. O Tesouro axúdanos un pouco a saber onde.

 

Colgar

O verbo colgar é un dos máis utilizados na linguaxe relacionada coas novas tecnoloxías, con significados diferentes e ás veces incluso contraditorios. En orixe, colgar significaba pór algo ou alguén nunha posición elevada de modo que se sosteña sen que a parte de abaixo se apoie no chan. Unha chaqueta está colgada dunha percha; un suicida cólgase dunha soga e un funambulista colga dun aramio de aceiro.

Coa chegada do teléfono, colgar adquiriu outro significado pasado o tempo: interromper a comunicación da liña. “Colga ti, anda. Non, colga ti, sé boíño”. Ese matiz de interrupción pasou á linguaxe informática. Cando dicimos que un ordenador se colga, referímonos a que deixa de funcionar, a que o sistema se bloquea e interrompe o seu funcionamento normal.

Após a xeneralización da internet, na lingua común colgar tomou un novo significado na linguaxe informática máis relacionado co orixinario. Colgar algo (unha foto, un documento, un vídeo…) na internet significa subilo a un servidor para difundilo ou compartilo. Pousar no ar sen que as patas sosteñan no chan pasa a ser unha metáfora do hiperespazo.

Estas novas formas chegan á lingua oral galega a través do castelán e como aínda a RAG non validou estes novos usos non sabemos se acabarán por integrarse no noso vocabulario. A alternativa a ampliar o significado de colgar sería beber do portugués. Como definen eles estes novos usos?

Para falar da interrupción telefónica, o portugués utiliza o verbo desligar. Cando nos referimos a un ordenador que se colga, en portugués utilizan bloquear. E para referirnos aos documentos que colgamos na internet, a lingua portuguesa emprega colocar. “Coloquei quatro fotos no orkut”.

A día de hoxe, a influencia de colgar parece moi forte. Mais serán os falantes coas súas escollas quen decidan até que punto unha ou outra forma merece entrar no vocabulario galego. A miña opción é substituír o verbo colgar, cando corresponde, polo verbo pendurar. Pendurar está considerado sinónimo perfecto de colgar en galego cando se refire a algo ou alguén que está sen suxeición: penduramos unha chaqueta na percha e pendura o suicida na soga. Así que, sen saírmos desta liña, podemos empregalo para o acto de subir ao servidor algún documento. “Pendurei catro novas fotos no facebook”. Se aplicásemos este criterio dun xeito global, poderiamos diferenciarnos do colgar castelán e darlle máis visibilidade a un verbo moi minoritario. Ollo, para falarmos da interrupción, tanto dunha aplicación informática como da comunicación telefónica, pendurar non é válido.

 

Navegación de artigos