A medicina e o idioma
Hai medio mes máis ou menos Jon Amil deixaba neste blog un comentario ao redor da linguaxe médica e recomendaba unha moi interesante entrada no seu espazo web: As MIR e unha noites. Aínda que este é un espazo dedicado a falar sobre as dúbidas que poden xurdir ao expresármonos en galego, de cando en vez gústame dar pistas sobre recursos que facilitan a normalización do uso cotián na nosa lingua en todos os ámbitos.
Como xa dixen noutras ocasións, un dos eidos nos que a lingua galega está practicamente ausente é o sanitario. A linguaxe médica en Galicia é case ao 100 por cento castelá e moitos termos en galego de primeiras soan case a chinés. A lingua necesita rodaxe para acomodarse nos nosos oídos primeiro, na nosa lingua despois.
Grazas á pista de Amil, encontrei o Diccionario Galego de Termos Médicos, que publicou a Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e que estivo dirixido no 2002 por Francisco Reyes e Constantino García. Dado que pasaron os anos e o texto se redactou antes da aprobación da normativa de consenso, sería fantástico que se renovase a súa edición e se incluísen termos doutras áreas sanitarias e se ampliase o vocabulario con neoloxismos xurdidos nesta década.
Mais con todo, este é un recurso moi valioso para quen se manexe no sector e non queira renunciar a un galego de calidade na súa comunicación, entre profesionais e cos pacientes.